sábado, 30 de setembro de 2017

VOUME



Caderno de Bitácora.

Data Estelar, -305255.25114155246

De camiño ao espazo profundo....

Estou pensando en marchar de casa de meus pais. E da de meus tíos, cuñadas, irmáns.... Temos unha desas casas de varios andares que compartimos, xa sabedes como é a cousa. Eu hai algunhas habitacións que non estiven nunca. Mesmo nalgún andar. Pero fainos avío vivir todas xuntas. Logo somos cada unha daquela maneira, pero na vila todo o mundo fala de nós coma se fósemos unha mesma persoa.

A cousa é que xa teño unha idade e gustaríame tomar as miñas propias decisións, sen ter que adaptarme ao que lle preste ao antigo do Pepe ou á parsimonia circunloquial do Pedro e a Susana. Non se levan ben nin entre eles, vanme dicir a min o que teño que facer. Claro que ás veces, tamén levan razón. Poida que fora mellor agardar. Pero non, o corpo pídeme independencia, experimentar por min mesma, vivir a vida coas miñas propias premisas e condicións. Pero aínda así, non o teño claro. Gustaríame poder falar co resto da familia para explicarlles o que sei que necesito agora, ou o que creo que sei. Pero non atenden a razóns, quitando ás primas Carmiña e Mentxu. O resto non aceptan a premisa de que cando un non quere estar, ninguén o pode obrigar, por ningunha forza. Cando foi o do divorcio de Juan Cuarto, vaiche na man, pasaron anos antes de que o asumiran. Pero se me escoitaran, cando menos sentiría que teño o seu respecto, aínda que non compartiran o meu pensamento.

Vale. Xa sei que para eles ten que ser difícil. Pensar que un dos seus queira deixalos non debe ser prato de bo gusto. Pero tampouco o vai ser para min. Sei que as vou ter que pasar os primeiros anos. E poida que algúns da casa nin me queiran falar. Téñoo asumido. Tanto como que poida que os que queden vaian a estar máis xuntiños por un tempo. Estou sendo demasiado emocional? Poida que non sexa para tanto e cun par de acordos concretos poida recuperar a sensación de pertencer a un proxecto común. Ou poida que non exista tal, máis que na ficción política.

Dicíame Luísa que para que, se aquí teño de todo o que preciso. Parece mentira, co practicista que eu sempre fun, ou así é como todo o mundo me miraba. Pero non parece que ninguén se decatara do rebulir que tiña dentro. Non sei. E a Inés que se as demais tamén terían algo que dicir ao respecto, non ía ser eu soa a que decidira por min, e a probe non se decata da inconsistencia intrínseca. Pero o que máis me anoxa é o de Mariona. Iso de que todas temos que cumprir as normas que aprobamos. Cando, como e quen as aprobou? Ela precisamente énchese a boca con iso cando foi a primeira que se pasou o contrato social da casa polo forro dos uniformes cando lle veu en gaña, e todo polos cartos, xa me dirás ti, que gran valor! Pero non me quero facer mala sangue. Coido que é a típica resistencia ao cambio. Ou poida que medo a que se algo muda, podería mudar todo.

O caso é que tiña pensado pillarme uns días fora para meditar e tomar unha decisión, con tranquilidade, sopesando todo. E van meus pais e mándanme un aviso polo Paco, o que traballa en Prosegur, que non teño dereito a organizar nada e que non me corresponde a min decidir. E que estou castigada sen saír un mes. E nada de móbil nin ordenata que vou andar enredando coas primas e imos acabar mal. Vaia merda! Pois vanse decatar do que é bo! Vouna lear parda. Porque estamos no sexto, que senón había de saír pola fiestra. Pero deste fin de non pasa. Vou decidir e á primeira que poida fago a maleta e tiro millas. E senón, ao tempo. Eu si que non teño medo.

La Tutti.



Carmiña: [20:00:36-29/09/17] Isto de que teñas o “diario estelar” na rede, aínda que só sexa para as escollidas... Non sería mellor que o gardaras en privado?☝

Mentxu: [20:00:51-29/09/17] Xa sabes que é moi treki, entre outras virtudes. Ti tamén pos as fotos das bailotadas todas. Non sei que andas a dicir.

Mentxu: [20:01:05-29/09/17] Por certo, que ben funciona o tradutor universal do trebello este.💗

Tutti: [20:02:56-29/09/17] Non me raiedes. E que senón non vos decatades do que de verdade está a pasar. E algún desafogo teño que ter ademais do vibe...😈

Mentxu: [20:03:14-29/09/17] Es ben lercha, nena! 😂😂😂

Carmiña: [20:03:33-29/09/17] Xa pensaba que non tiñas conexión, tardaches tanto en contestar....

Tutti: [20:03:46-29/09/17] Pois non a tardar, xa verás. Esa é unha. Pensan que por cortarme os medios e a comunicación vou deixar de darlle voltas. Pois estaremos en stand by temporal... E como non cambie a cousa, de aquí a dous días estou noutra galaxia.🚀

Mentxu: [20:04:05-29/09/17] Muller, xa podías quedar. Tampouco se está tan mal. Díghocho eu. É un pouco de tira e afrouxa, pero sempre sacas algún beneficio, e aos poucos aos poucos.... Logo cando a cousa estea máis madura, pois xa tirarás.

Tutti: [20:06:00-29/09/17] Pero é que iso xa o probamos. E ademais, non é cuestión de máis privilexios, ti debías entendelo. Necesito ser eu mesma. Completamente.💯

Carmiña: [20:06:20-29/09/17] Vasme dicir que son parva, pero ímoste botar a faltar cando vaiamos de visita. Xa sabes onde tes a túa casa. E que saibas que as veces non se descubre unha a si mesma xusto ate que está soia. Poida que logo teñas gañas de volver.

Tutti: [20:06:57-29/09/17] 😟 Eu xa me levo sentido soia dende hai ben tempo. E claro que quixera poder volver á casa de cando en vez. E seguirme falando co persoal. Pero non sei se me deixarán. Vai depender de como remate o conto, coido. 😢

Mentxu: [20:07:22-29/09/17] Iso si. Estaría ben que ninguén se mancara. Despois as feridas son difíciles de curar. Tamén cho digho eu.... Pero ti sempre foche moi de Gandhi. Non creo que agora che dea por outra cousa.

Tutti: [20:08:17-29/09/17] Xa, pero é que ás veces, sonche moi provocadores. Pensamento único, xa sabedes...

Carmiña: [20:08:27-29/09/17] Sabemos, sabemos.

Mentxu: [20:08:39-29/09/17] Si.

Mentxu: [20:09:20-29/09/17] En calquera caso, non desesperes, ten calma e demostra con claridade que o teu é firme e sincero. Non te poñas no nivel Klingon.

Carmiña: [20:10:10-29/09/17] Si. Con sentidiño. Haxa paz. 🙏

Tutti: [10:10:10-29/09/17] Grazas mozas. Iso intentarei. E xa saberedes como foi o finde.... Biquiños. 
😗😗😗😗  ䷊ 🕊 

Ningún comentario:

Publicar un comentario