Parece que no verán hai
moitas máis novas relacionadas co sector educativo que no resto do ano. Ou máis
densidade. Será que se vai recollendo todo o que pasou durante o curso escolar,
non sei.
En concreto, o puñeteiro
programa de gratuidade solidaria como a serpe do verán chega de novo ás miñas
redes.
Desque rematou o curso,
aló por xuño, fun anotando algunhas cousas que chegaban aos meus sentidos.
Inmediatamente despois, libros de texto mercados ou de vale, lanzados con saña
ao lume purificador da noite máxica. Xente preguntando como facerse coas axudas
ou apuntarse nos bancos, mesmo fora do prazo establecido. Un contedor amarelo
rebordado de bolsas nunha rúa capitalina e por riba, máis libros de texto
usados e aínda sen desplastificar. E no faiado, algúns dos meus libros de
primaria, daquela EXB, gardados como reliquia en pano. Que lembranzas. E
mentres levantaban as persianas as casetas da feira do libro coruñesa unha nai
redondelá contábame como dos cento e pico euros do vale para a ESO, no podía
usar nin a metade do valor, polo da claúsula de rescisión dos libros non
reutilizables. Dicíame da mentira que nos conta a Consellería sobre iso da
gratuidade solidaria, que por certo, reitero unha vez máis a pregunta, quen
discorrería semellante denominación? Ou é redundante ou é contraditoria. Eu
pensaba en indicarlle cal é a postura que as organizacións de nais e pais que
molan en galego, en Galiza, levan xa tempo proclamando. Mesmo no Change.org,
modernos que son/somos. Volver ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto e material escolar para todo o alumnado do ensino público obrigatorio. O demais,
milongas e contos de vella. Logo, ou no entanto, xa haberá tempo para facer a
reflexión colectiva sobre que pintan os libros de texto tal e como son agora -
en papel ou electrónicos- nun modelo avanzado de educación.
En calquera caso, toda a
reflexión e recordatorio anteriores, feito a xeito de pensar en alto, viñan ao
seguinte: que lles estamos transmitindo aos rapaces e as rapazas sobre a
lectura e os libros con este modelo de uso dos de texto? O meu pensamento é que
os seres humanos moderniños respondemos cada vez máis - nos sei se menos sería
mellor ou peor - por impulsos simples, non sempre conscientes nin na súa orixe
nin no seu efecto. E que nos aprenden a responder automaticamente en base á
repetición insistente de modelos de comportamento, por terra, mar e aire.
Os máis novos son aínda
máis susceptibles a este xeito de programación, en boa medida porque nin nas
escolas nin nas familias podemos, sabemos ou queremos traballar para compensar
esa tendencia. E o que rematan asimilando é que a lectura so é boa para
conseguir un resultado medible, e que os libros son obxectos de consumo, de
usar e tirar. Caca neno!
Eu son un amante dos
libros. En parte foron eles os que me descubriron o mundo, me ensinaron a
entenderme e a entender o que sucede. Fixéronme rir e chorar. Préstame
apertalos e bicalos, de cando en vez. E teñen manchas, algúns, de chocolate ou
de chourizo. Son compañeiros na viaxe do agasallo da vida que nos toca facer a
cotío.
E gustaríame que os meus
fillos e as vosas fillas e fillos tamén o sentiran así. Sería este un bo
obxectivo común? Que deberiamos facer para conseguilo? En que aspectos e eidos
deberiamos incidir máis para logralo? Como poderíamos controlar que progresamos
nesa dirección? Coido que de tantas preguntas (e máis que poderíamos
facérmonos, seguro) xurde xa unha resposta: non é algo que poida facer un só.
Necesítase traballo colectivo constante. E permitídeme que tome esta
aseveración como un dos principios básicos dos valores comúns que temos que
reconstruír entre todas.
Agora, vou seguir lendo un
rato.