sábado, 25 de xuño de 2016

O VOTO DA PRIMITIVA



E que pasaría si...? Como sería se todas decidiramos votar o domingo o mesmo que votamos en decembro? E que se algunha non vai poder, polo que sexa, haxa outra que adopte o seu voto circunstancialmente. E as que non foron que non vaian tampouco, claro. Seica que para as que cumpriron os anos precisos no intervalo custaríalles non ir, polo da novidade máis que nada, pero poderían sumarse ao da adopción e así non alteramos nada.

E entón, quen lle estaría dando unha segunda oportunidade a quen? De quen mandamos aos que teñen que exercer o noso mandato, e non ao revés, como seica toca agora.

Xa sei, isto non forma parte do ideario político de ningunha formación. Pero tampouco do imaxinario político da poboación en xeral. As primeiras porque o seu interese principal é gañar para poder administrar a aplicación dun determinado dogma que só poden desenvolver dende a distancia orgánica e burocrática. Os segundos, o corpo votante, porque poida que non vexamos na política unha forma de relación social pertinente que precisa de atención (e cariño) continuada, senón como un espazo para patexar, un lugar de enfrontamento, unha contenda en termos futbolísticos, un gran reality show, un vídeo de bar, un programa da teletenda.

No meu pequeno recuncho de opinión, como parte inmersa nesa masa con dereito a voto, recoñézome ignaro, indeciso, manipulable, tendencioso, previsible, alienable. Especialmente cando boto a vista colectiva atrás no tempo. E cada vez cústame máis traballo manifestar publicamente que un voto ten algún valor, se non somos quen de convertelo nun compromiso persoal entre individuo e grupo para traballar acotío na procura dunha sociedade mellor.

E na mesma medida, exceptuando aquilo que supera o límite de lesa humanidade, como en tantos outros dos pequenos ensaios sociais que sigo compartindo, non son quen de sinalar, estigmatizar ou excluír a un individuo polas súas decisións, opinións ou votos. O que me proe é o comportamento colectivo. Que sexamos tan parvos para renunciar ao poder poñéndoo en mans de intermediarios sen ningún control. Nos tempos nos que estamos, onde a posibilidade definida polos medios tecnolóxicos de ser capaces de participar en tempo real, non a empregamos para converter a participación nas decisións políticas en cuestión cotián, pero si convertemos decote decisións menores en valoracións fundamentais.

Cal é a experiencia histórica que temos sobre o cumprimento das cuestións programáticas da maioría das formacións políticas? Que un partido que gaña as eleccións modifique o que tiña pensado facer ao chegar ao poder, pode ter múltiples explicacións. Entre elas, podería ser unha a de que exercen como posuidores e non como usufrutuarios do mandato político? Se así fora, tería isto que ver máis coas súas propias estruturas internas  de poder ou máis con que son organizacións que xorden dunha sociedade determinada e reproducen os esquemas de funcionamento social?

A que é debido que unha vez e outra, nas sucesivas convocatorias, escoitemos repetidas as mesmas argumentacións sobre cuestións de base do funcionamento democrático por parte da maioría das formacións políticas? Por exemplo: a discusión sobre o de deixar gobernar ao partido máis votado. Que tipo de sistema electoral nos deron aló polo 75? Escollemos unha persoa para gobernar ou escollemos moitas representantes para que decidan entre elas quen gobernará? Votamos sendo conscientes desta cuestión? Outro exemplo: o emprego do medo como ferramenta de acumulación de votos. Que ben podería ser asimilable a calquera outra emoción potente. Como cualificariamos a calquera persoa que intentase conseguir algo de nós, no bis a bis, utilizando o medo a unha consecuencia funesta? No ámbito da educación, e no entorno familiar especificamente, recoñecemos a chantaxe emocional e o acoso como usos subrepticios do medo na relación. Como é que non somos quen de valoralo igual en termos políticos?

Condenamos a calquera que manifeste publicamente que se equivocou en algo, etiquetando a esa persoa como non fiable, incapaz de asumir responsabilidades. O facemos acotío, mesmo con xente que temos preto de nós emocionalmente. A perda de confianza nos ámbitos persoais, parella, fillos, amizades, é un factor considerable da ruptura de relacións. Como é que seguimos mantendo a confianza en persoas públicas das que sabemos que mentiron plausibelmente? Ou quizais é que non existe a verdade, ou é unha entelequia, ou é subxectiva. Dependerá o que percibimos e como o percibimos de canto nos teñamos que arredar da nosa zona de seguridade vital? Será que a información que asumimos como verdadeira é aquela que confirma as nosas expectativas ou os nosos prexuízos?

Púxenme a escribir isto sabendo que s.c.f.m. o domingo irei votar. E sabendo a formación á que lle vou dar o meu voto dende hai un tempo xa. Porque o meu escepticismo social non pode superar o positivismo vital. Entendo o funcionamento democrático no que teño a oportunidade de participar, como parcial e limitado. Un camiño longo por recorrer para conseguir chegar a algo máis. Pero non podo esquecer que antes que nós un lote de xente de ben pelexou - e mesmo puxo a súa vida na pelexa - por conseguir un dereito social ao que non deberamos renunciar por non comparecencia. Votarei por min e por todas. E tamén in memoriam.


E ao día seguinte, a seguir dando caña....

mércores, 22 de xuño de 2016

REENCARNACIÓN

Municipal Fish Market - Lily Spandorf
https://museum.gwu.edu/spandorf
Tanto debate e tanta osX, e tanto indeciso que aínda non sabe que facer coa súa vida votuna, votante, ou como sexa que haxa que dicilo.

O de votuna non vai por rimar con Fuenteovejuna, ese pobo de ficción que tantos discursos ten inspirado. O de verdade, Fuente Obejuna, en Córdoba, cuxo xentilicio é de pregunta de Saber e Gañar, non aparece nos noticiarios habitualmente.

Votante si que rima con militante, pero tamén con diletante. E con grazie tante en italiano. De nada.

Posto a escoller, eu non sei que escollería, case que preferiría o primeiro que o segundo. Non por nada. As democracias estas representativas estilo occidental, fundaméntanse niso. Nos votos. Nos votantes. Non é que guste máis das orgánicas, como as que tiñamos antes de J. So que están pensadas así, vota e xastá. Cando che toque. E para o que che toque. Logo xa facemos nós, os elixidos. E desfacemos.

Pois iso, tírame máis o da sociedade civil activa, estruturada, comprometida e participativa. Militante. Non intermediada nas decisións. Non infestada de intereses alleos. Non sometida a constantes  e continuos intentos de manipulación. 

Na miña anterior reencarnación, aló polo fin do XIX, sendo votante selecto indeciso entre Cánovas e Sagasta, pensaba en estar nunha sociedade que fora quen de manifestar ás súas opinións abertamente, responder ás convocatorias transmitidas de boca en boca, e acudir maioritariamente ás convocatorias públicas descritas nos bandos cravados en postes e paredes. Non era consciente de que o meu mundo urbano e cultural, non era nin por asomo a referencia maioritaria na España que me tocara vivir.

E imaxinaba, lendo algúns dos textos que dificilmente chegaban da Europa xa industrializada e en efervescencia de remuda ideolóxica, como co pasar do tempo, mudarían as condicións nas que poderíamos escoller. 

Soñaba. Como chegaremos a dispor de medios e sistemas colectivos de comunicación e de decisión instantáneos. E todo o mundo apartará unha parte do seu tempo vital para poder analizar individual e colectivamente as propostas dos políticos para facer isto ou aquilo case que en tempo real. E tomaremos decisións colectivas, tendo acceso sen restricións a toda a información necesaria. Como haberá tanta, as organizacións sociais de base serán as encargadas fidedignas de separar a palla do gran para os distintos sectores de interese, facilitando a toma de decisións. Haberá bibliotecas inmensas por todas partes, non son quen de imaxinar con que formato de soporte, onde calquera poderá coñecer en profundidade sobre o  que considere necesario, e constituiranse nelas, ou arredor delas, espazos de aprendizaxe social estandarizados, onde persoas de todas as idades, coordinadas e guiadas por expertos na ciencia de medrar, compartirán as súas experiencias vitais e construiranse xuntos. E a xente acudirá a estes recintos tamén nos tempos de lecer, e terán nomes que recollan o sentir común das xeracións ou que inspiren a continuar recreando as tradicións, e organizaran nelas festas e celebracións, foliadas e muiñadas, concertos e recitais de poesía e danza, e xurdirán, espontaneamente, cando un grupo de persoas con coñecementos ou intereses afíns se atopen. Outros colectivos, ou os mesmos, ou unha mestura deles, preferirán nun momento determinado compartir ás súas habilidades físicas para xogar, divertirse, formarse e afianzar a súa saúde física e mental, mentres outros os observan e gozan da beleza intrínseca da maquina do corpo humano en acción. E pensarán, eu tamén podo facelo, e se unirán á celebración.

As rúas serán sempre espazos de expresión artística e creadora, de todo tipo, e calquera persoa poderá atopar onde e como divulgar o que xurda da súa imaxinación e do seu sentir, cantando, pintando, tecendo, escribindo, forxando, esculpindo,... e compartirán con todas as demais as súas creacións. Nada do que fagamos será de balde e ninguén recibirá un beneficio extraordinario por facer o que lle gusta. A universalización do coñecemento levará irremediablemente á socialización dos bens de produción e á solidarización dos produtos de consumo. A produción do traballo estará dirixida e organizada baixo a premisa de facer a vida mellor para todas as persoas. Todo o mundo en todo o mundo terá cubertas as necesidades básicas vitais para poder subsistir con dignidade, e xa dependerá de cada un traballar individual e colectivamente para algo máis. O obxectivo da vida xa non será ter máis que os demais para marcar unha diferencia de clase, senón ser máis como individuos construíndo identidades únicas e contribuír á creación permanente de identidades colectivas. O recoñecemento de quen somos será a sabedoría coa que poderemos recoñecer, abraiarnos e admirar o que son os demais. A manifestación deste saber expresarase no respecto á diversidade e na defensa da igualdade de oportunidades. O modelo de vida xa non será o de acumular capitais e bens, senón o de medrar como seres humanos de a un e de a millóns.

Xa non miraremos o mundo que nos deu a vida e a evolución, como o noso patio de recreo, senón como o espazo vital onde comezamos a existir como especie para seguir estendendo a vida. E decatarémonos de que non somos reis senón colaboradores da Natureza. Que non temos poder nin mandato para domeala, senón para entendela e colaborar con ela nas súas funcións, ou cando menos non entorpecela. Que todas as especies que nos acompañan neste camiño de vida evolutiva son aliadas, non inimigas, compañeiras de viaxe, non escravas dos nosos designios.

E entón volveremos mirar as estrelas e aínda non será tarde para agardar que alguén máis no Universo comparta a nosa visión. E continuaremos a busca. E iremos alí para levar o noso saber e para seguir aprendendo.

Pero sabía que estaba fantasiando. Tiña que volver a liberais e conservadores, agora ti, agora eu. E decidir, decidir por outros. Intentar manter funcionando un País e unha monarquía na que a maior parte dos seus habitantes non saben nin entenden para que sirve a política, non coñecen os mecanismos de control do poder, nin teñen conciencia de que o único xeito de cambiar a súa existencia indigna é actuar colectivamente, permanentemente.

Imaxinaba que tería que pasar cando menos outro século enteiro para que as miñas ilusións se fixeran realidade. E entón o século XXI si sería o século das luces en todo o planeta. E aquí estou agora, na quinta reencarnación (moita guerra mundial, pouca paciencia conducindo e moito anuncio de Marlboro polo medio). Xusto onde quería estar.


Pois, mecagho na reencarnación!

xoves, 9 de xuño de 2016

INSUBMISIÓN


Ás veces devén un triste ao escoitar como é que se pronuncian os nosos representantes ppolíticos cando algo non lles vai ao rego. Adoitan ser os mesmos que rachan as vestiduras cando alguén lles dirixe algún exabrupto. Lendo o titular repetido en diversos medios que recollía as declaracións do noso conselleiro de educación (cultura e universidades coido que tamén) quedei abraiado. Non pola cualificación da actitude de algunhas nais e pais non levando aos seus fillos e ás súas fillas ás reválidas, que non é máis que correcto na súa definición, senón por manifestar tan abertamente o que lle proe tal resposta por parte das familias. Dáme a min que as pporcentaxes que deu non deberan ser talmente así, mesmo sabendo que mesturan as cifras do público coas do privado (xa está ben de chamarlle concertado) e optaría por fiarme máis das que dan as organizacións representativas de nais e pais. Cando menos no ensino público, que para o caso é no que teño interese, a insubmisión foi maioritaria, con moita claridade. Pero ademais dáme que pensar que efectivamente o único xeito válido (mesmo reválido) de manifestar o non acordo con todo o montón de esterco da lomce, era xustamente este que algunhas organizacións promoveron (outras subíronse ao carro a posterior) e - sorna a tope - algunhas familias exercemos: a insubmisión.

Para un tipo coma min, que entende e practica as normas, mesmo que contribúe á súa creación nalgúns ámbitos, exercer a insubmisión e cando menos un acto excepcional. Algo ao que se pode chegar na conxunción de varios factores, entre eles, e neste caso en concreto fundamentais, dous moi específicos: dunha banda, a incapacidade da administración pública correspondente para escoitar a aqueles para os que traballa e dos que emana o seu poder lexislativo, da outra, a necesaria resposta colectiva contra un problema-inimigo común que afecta ás vidas particulares de cada un.

Dáslle voltas de máis, dirás ti. Pero verás, e que teño que ter claro o porque, para entender o como pensando no para que. Tan claro como para poder explicarllo ao meu fillo de 11 anos, que ten a obriga de asistir ás clases todos os días do curso lectivo escolar, s.c.f.m, segundo lle levamos dicindo dende que comezou a primaria. Ao mesmo tempo que entendíamos que esa obriga ven dun contrato social entre iguais para dármonos un sistema público de ensino cunhas características definidas. E a parte contratante da primeira parte, as contratistas desta banda, tivemos moita paciencia e control para reiterar unha vez, e outra, e outra máis... cal era o noso parecer no que atinxe á implantación dunha lei imposta que rachaba ese contrato.

Agora resulta que todo foi unha campaña política por mor do período electoral permanente ese no que andamos. En boca doutro ilustre dos nosos representantes ppolíticos. E non lle da a risa. Ou igual si, pero será na intimidade.

Lembro o primeiro contacto lector que tiven co proxecto da lei mencionada. Aló polo segundo semestre do 2012, coido. E xa daquela, os que saben ben e os que sabemos algo, comezamos a enredar politicamente, en versión poder, pensando nas eleccións, e non en cal é o modelo que queremos para o ensino público. Por descontado, non é o de ter que non levar a nenas e nenos ao colexio, senón o de que todos os días lectivos os de primaria, igual que os de infantil e os de secundaria, acorden cada maña pensando no ben que o van pasar e no moito que van aprender ese día na escola, na escola da vida.

Nestes días pasados eu no puiden evitar sentir esa tristura por como os noxos dirixentes pretenden manipular, segregar e condicionar ás nosas fillas e aos nosos fillos cun obxectivo definido. E máis aínda cando me decato de que xa conseguiron con medios menos claros promover ese mesmo obxectivo entre a poboación xeral, fora do ámbito institucionalizado do ensino público. Pero resulta tan descarado o intento marcado dentro da lei lomce que permíteme entender sen ambaxes a soberbia das afirmacións dos seus defensores, os políticos e os que non o son. E con esa lóxica de superioridade talibanista, están tan sobrados, que non senten a necesidade de escoitar, non poden entender ningún outro concepto e non están dispostos a aceptar un debate aberto sobre os principios nos que debera fundamentarse o ensino público, que tería que ser necesariamente unha parte principal de como desexamos que sexa a sociedade na que nos queremos desenvolver como persoas. Isto do pensamento limitado, en realidade, e consubstancial ao ideario que impregna a lei e á súa aplicación.

Cal será ou debera ser a consecuencia de toda esta insubmisión? Como somos tantas as que coincidimos na apreciación da maldade intencionada da lei lomce e como a todas impórtanos tanto a educación como concepto de base social global, ninguén de entre nos nas últimas eleccións deu o seu voto aos partidos políticos que a defenden, nin votará nas próximas, estatais, autonómicas ou locais a eses partidos. Agora é a min a quen lle da a risa, publicamente. Non so é que existe un conxunto moi importante de organizacións de todo tipo, de grupos de interese e de persoas individuais, mesmo dentro do ensino público, que comparten claramente - con feitos - o ideario lomce, senón que ademais a Educación, impórtanos colectivamente menos que un comino. Non é ningún obxectivo prioritario da vida social nin individual, salvo para uns poucos. O último barómetro CIS, recolle coma todos os meses as respostas á cuestión de cales son os problemas que consideramos máis importantes para o conxunto da sociedade neste momento. A Educación non aparece en ningún caso coa maior porcentaxe na listaxe, nin como  primeira, nin como segunda, nin como terceira. Suma en conxunto un 9,1 e nesas cifras vin que se movía tamén nos anteriores, colocándoa no conxunto nunha sétima posición total, a moita distancia das máis importantes. Pero e que só chega ao 1% como primeira preocupación. Poderíase ler este resultado como unha manifestación de que a Educación está ben no conxunto do Estado, ao non ser valorado como un problema substancial? Ou será tamén que cando nos fan unha pregunta así “¿Cuál es, a su juicio, el principal problema que existe actualmente en España? ¿Y el segundo? ¿Y el tercero?” pensamos nas cousas ás que lle damos máis valor e temos en máis consideración primeiro, segundo e terceiro? Cando a pregunta recolle coa mesma clasificación cal é o que máis nos afecta persoalmente, do 1 pasa ao 3,3 como primeiro, pero o conxunto só suma dúas décimas máis, ate o 9,3. Poida que isto aclare algo algunha das cuestións anteriores.


As enquisas son o que son. Pero como ves ti a realidade que te rodea? Sería necesario cambiar o chip? E iso, como se consegue? Uróboros. Os que o teñen claro, non dubidan en aplicar intencionadamente as súa premisas ideolóxicas no eido educativo. Hai outro dato desta enquisa para reflexionar sobre nichos de mercado que necesita o capital. Fáltanos moi pouco para chegar ao 70% de persoas ocupadas no sector servizos. E logo les nos xornais a profesionais do eido social dicindo que hai nenas ás que xa lles ve con 12 anos que van para a FP. Que presente! Que futuro! O das que primeiro esqueceron e despois quixeron negar a Historia.