martes, 1 de novembro de 2016

O DEVATER


Estiven vendo o devater onte, perdón, o xoves 27. O de investidura. Si neno, o de Rajoy presentándose a presidente do goberno. Vale xa sei que non é novidade, pero o caso e que me coincidiu ben, metinme na web da 1ª 24h e mentres pasaba o ferro e poñía en orde documentación para outra votación máis próxima en todos os sentidos, pois estiven escoitando e mirando ás veces. Vou dicir algo que vos sorprenderá: estivo chisposo o futuro PdG. Ostras, Padaguan. Como se me enfían as sinapses, mimá. Mesmo tirando de retranca, que por definición, non pode ser máis que galega. Logo houbo quen me comentou que tamén llo pareceu, ate o punto de preguntar polos papeis para darse de alta no partido dos pada-ones. Eu non vou cheghar a tanto. Pero pareceume recoñecer no candidato a algún político histórico español, con máis sabedoría pola experiencia que pola súa condición demoníaca, dos tempos nos que o nivel oratorio era algo máis elevado que o de agora. Xa vos falei noutras ocasións das miñas anteriores reencarnacións. Aqueles tempos nos que as elites que chegaban ao parlamento como representantes da soberanía popular o eran -elites- no sentido non pexorativo da palabra, e contaban cunha formación de nivel superior a dos comúns mortais da rúa, moi vinculada ao coñecemento clásico. Agora tamén hai moitos profesionais de nivel nos parlamentos, empezando polo propio candidato, e non o estou dicindo por mal. Eu non coñezo a moitos rexistradores da propiedade. A ningún, descontando ao pasado-presente-futuro presi. E cónstame que hai enxeñeiros, avogados, economistas, profesores e outros doutores varios. Mesmo algúns con máster. Literatos, xente dos medios, non sei se algún deportista pofesional. Non chegamos aínda á Chichiolina, pero todo se andará. Nos novos grupos políticos tamén, aínda que pensemos que todos son perroflautas dun lado e trepas novosricos do outro. Mesmo unha mascota de mundial, coido que hai tamén. Ou iso me dixo alguén. Rima.

Que será, será. Dou en pensar que é o que reflicte a composición do parlamento, a cámara baixa, non a alta, que é outro conto. Toda chea de ramplas e con aparcadoiro de andadores. Tan alta non será, digo eu. A baixa, é unha cámara de representación electa por nós totalmente, os seres hubanos mortais, e en consecuencia tería probabilidades de ser unha copia a escala do que somos como colectivo social. Un tanto por cento de mulleres, de homes, de ocupados, de desocupados, de laicos, de crentes, de ricos, de menos ricos, de nada ricos, de EXBs, de BUPs, de graos universitarios varios, de autónomos, de empregados, de nacionais ou plurinacionais, de non nacionais,... Seino, seino, estou sendo reducionista e maniqueo. Intento crear unha imaxe con palabras de como poderíamos pintar o cadro da composición parlamentar máis aló da pertenza a partidos políticos. E non é porque pense que todos son iguais, os partidos. Sei con absoluta seguridade que non todos son iguais. Pero tamén que algúns si o son. E estes parece que poden salvar as distancias de matices que os separan e xuntarse para que non lles dean unha chaparreta dende Bruxelas. Logo xa sabedes como sería a cousa, igual que na casa, cando me rifa o boss(ta) no traballo vou descargar na casa coa neveira, o compañeiro, as crianças e o mando da tele. Transferencia de danos e socialización das perdas. En calquera caso, un conglomerado de xente interesante. 350 coido que son, non si? Cabezas pensantes incluídas. Palmeiros incluídos. Líderes incluídos. Pois son os que escollemos para representarnos. Por algo será. E, porque será, será?

Poida que non teñamos outra caste política, e non o estou dicindo en morado, porque non a necesitamos. Esta é a que nos vai ben e nos corresponde como sociedade. Eu coñezo a bastantes persoas que poñería ao mando dun ministerio. Pola súa capacidade, coñecemento, compromiso e sobre todo pola súa calidade humana, dende o punto de vista moral. Non estou dicindo que lles daría carta branca para facer o que quixeran, non. Como alguén nos contou nun marabilloso vídeo, a democracia non se basea na confianza, senón na desconfianza. Pero estas persoas, habitualmente nin se aproximan á política como ferramenta de relación e construción social, nin queren saber nada dela. Fundamentalmente porque saben que colectivamente non apreciamos a quen se mete nesas lides, e mesmo damos por sentado que se o fan será porque algo queren ou pensan pillar. E si, habelos hainos, sobre todo cando se chega a un proceso de profesionalización política onde só uns poucos poden facer carreira dende estruturas burocráticas partidistas, pero non son todos. Eu diría que non son a maioría. Neste caso, a maioría absoluta non está no lado escuro da forza. Podería ser un problema se fora ao contrario, claro que si. Pero é un problema sendo poucos cando como sociedade non o condenamos con votos. Nin cando aceptamos ese modelo de comportamento para outro tipo de relacións sociais. Claro que é necesaria unha lei de financiamento de partidos, onde todas podamos saber quen lle da cartos a este e a aquel para presentarse como candidato ou partido. Pero tamén para que os candidatos non teñan que preocuparse de como van seguir pagando as súas facturas particulares mentres estean traballando para nós. E se seguimos optando por un sistema de partidos xerárquicos e liderados, pois para que teñan liquidez para desenvolver a súa actividade. Logo, negro sobre branco para todo  o mundo. Isto supoñería que definitivamente, poderíase abrir o espectro de poboación compoñente dun parlamento representativo. Empezar a traballar na recuperación da idea de que todos temos responsabilidade no que nos sucede colectivamente. E poida que nun futuro relativo puideramos empezar a practicar o turnismo na representación, de xeito que en algún momento da nosa vida, todas pasásemos pola asunción da responsabilidade de participar como representantes dos demais no exercicio do goberno colectivo.

Un futuro que non se albisca próximo. Hai dous factores fundamentais que actúan contra desa posible realización. Un é a resistencia dos grupos privilexiados a perder os seus privilexios, claro que si, non podería ser humanamente doutro xeito, sobre todo atendendo ao segundo factor: un modelo educativo social que pon en valor o interese e necesidade individual por riba do colectivo, a primacía da economía e o utilitarismo sobre a solidariedade e a busca da sabedoría, a repetición acrítica de pautas de comportamento fronte a resposta imaxinativa en rebeldía permanente, a negación de principios e valores de dereito colectivos e a afirmación de deberes de cumprimento unilateral, a trivialización da comunicación entre persoas, que nega a construción de persoas libres e autónomas, con criterios propios construídos en base a información contrastada, a deificación dos procedementos de asimilación de conciencias nunha globalización monolítica do pensamento.

E un factor coñece e sabe que o control do outro e fundamental. Os colectivos que reteñen o privilexio de decidir sobre a vida dos demais, poder que tomaron, lembremos, porque todas o permitimos, moven os fíos necesarios para que as pautas nas que se críen as novas xeracións volvan a estados de control permanente. En todos os medios de comunicación que controlan, mesmo nas redes virtuais, provocando, cando non lexislando directamente, as condicións para que as familias non podan ser partícipes activos fundamentais dos procesos educativos, matando a tribo, e por descontado promovendo a desestruturación dos sistemas públicos de formación, instrución e educación, na procura de convertelos en estamentos de beneficencia social para os  menos favorecidos, derrubando así a función igualadora social do ensino, aquela grande conquista social. En paralelo afianzando as estruturas onde as elites futuras poidan seguir desenvolvéndose como tal.

Seica sempre volvo ao mesmo. Como non? Despois de escoitar como un candidato á presidencia do goberno dende o estrado do parlamento estatal lanza unha comunicación que cando menos sería cualificable de manipulación da verdade sendo benévolos, mentira podre sendo Rufianes, sobre o acordo para a eliminación do valor académico das probas de revalida, e ningún dos 349 restantes sinala tal feito como unha moto mal vendida, pois volvo a seguir preguntándome, canto é que nos importa a Educación realmente?

O problema non son os políticos, non son as institucións, non son os partidos. Somos nós. Porque non nos recoñecemos como a parte dun todo, non nos recoñecemos como produtos da historia, non nos recoñecemos como seres limitados no auto-coñecemento, non nos recoñecemos como capaces de calquera cousa, humana e inhumana, nin temos consciencia de cales son as influencias internas e externas que toman poder en nós para as decisións que tomamos na vida. Limitámonos a vivir os tempos, que xa é curro dabondo, o digo dende a miña propia experiencia vital, apremados pola urxencia do cotián sen prestarlle atención, suficiente atención as máis das veces ao que realmente é importante. Por non saber, poida que nin saibamos cal é esa condición de importancia, ate que algo sucede e temos que mirar ao abismo.


Sei que non son tempos de revolución nin de guillotinas no eido social. Pero poida que teña que chegar o momento de facelas de cada un para si mesmo. E logo subilo ao twitter. Apañado estou.


xoves, 13 de outubro de 2016

O PACTO DOS LOBOS


Estes días din en pensar na situación política que estamos a vivir. Padecer, podería ser un verbo a empregar no parágrafo. So que transmite directamente unha visión de doenza. E dalgún xeito define unha relación cos feitos nun só sentido. O de quen sofre sen ser responsable do seu sufrimento. Sen ser causante. Ou sen ter parte da propia doenza. Imaxino que as voltas neuronais prodúcense en parte pola presenza temporal de reiterados procesos electorais. Escribo, comezo a escribir, a carón do maniquimáquina, na mañanciña do 25S. Aínda non fun blotar nin sei quen vai levar os gatos a auga na próxima noite. Pero mesmo se houbera unha revolta de siglas, e as tendencias votunas dos últimos tempos mudaran un chisco, a miña impresión sociolóxica afeccionada non había mudar, moito máis aló de recoñecer o efecto das modas políticas. Das modas efémeras dos novos pulsos colectivos expandidos polas redes virtuais transmitidas aos eidos políticos. Unha transmisión que tivo a súa mellor expresión primeira no cambio contra das previsións de resultados nas primeiras eleccións que gañou Zape e perdeu Azipi.

O meu bloto, a todo isto, xa está decidido, como diría o outro, polas circunstancias. No meu caso van máis aló da pobrura laboral e económica á que estou sometido, nesta inmediatez, e defínese na historia e na cultura que comparto e que me construíu en parte. Tamén na realidade colectiva que percibo, na proximidade social e ideolóxica e lonxe dos medios de masas e de negocio. Se cadra todas as que imos votar e as que non van, saben con exactitude o porque do seu voto. Poida que o saiban aproximadamente, máis ou menos. Quizais non teñan nin cura idea das verdadeiras razóns polas que finalmente escollen un, outro ou ningún voto. (Va que ás veces dúas consoantes cambian ben o contexto?)

Se cadra, poderíanse definir tres grandes grupos de voto neses parámetros. Como poderíamos clasificarnos? Cal sería o xeito, se tiveramos interese, en poder incluírnos nun grupo ou noutro? Nos mesmas, digo. Autoclasificarnos por facer unha reflexión atemporal no sentido político votuno. Ser quen de explicar con claridade e concisión a nosa decisión, podería ser un parámetro interesante para definir o grado de consecuencia votuna que nos facilitara sumarnos a un grupo ou outro? Mesmo poderíase establecer unha escala de 0 a 9 e con decimais. E facer unha proba estandarizada, avaliada por sociólogos independentes. Entón seríamos quen de illar a variable “saber que votamos” da variable “saber explicar o que votamos”, evitando a contaminación da mostra.

Porque, e poida que o compartades ou non, hai moito experto en dar explicacións que non teñen ningún fondo. E que non teñen nada dentro. Políticos Ikea. Politikeos. E hai a quen lle presta, Ikea. Mesmo aprecian o uso de nomes de produtos escritos en lingua vernácula sueca, tipo Alsvik.

Ás veces coinciden estas xentes filopolitikeos coas que non entenden nin aceptan a denominación de produtos feitos en Galiza, na lingua propia do País. Non molaría? Camiseta Cogomelo. Nas trescentas mil tendas de Zara polo mundo adiante. Pantalón chinés Venchosei. Vestido de festa Rapariga. Citröen Chandrexa. Indradron Maloserá. Perfil aluminio Quechova. Fragata F365 Amador.

Volvendo á política, estrito senso. Tamén hai a quen non só lle presta senón que precisan políticos asín. Outra xente prefire o modelo moNONsílabo. Ou o plasmático. Ou o plastilínico, sendo en cores cítricos mellor, claro. Aquí no País, coido que trunfa o político papá, agora con máis razón aínda. Este tipo de papi cativador, controlador, intrigante e persuasivo, dos que queren estar en todo e non deixa facer nada se non anda el polo medio, que reparte pagas e prebendas aos palmeiros e descoñece coma fillos a quen non lle ri as gracias, que sabe usar e usa a chantaxe emocional, especialmente á do medo natural ao descoñecido, para conseguir os seus obxectivos. Non os de todas. Os seus. E claro, sempre hai danos colaterais traducidos en beneficios para uns poucos. Adoita ser dos que sempre quedan ben e case que nunca fai nada bo para todo o mundo nin en concreto para quen realmente o precisa. E se desaparece por un tempo, seguro que volve a encarnarse noutro. En tempos chamábanlles caciques, coido. O caso é, que nace, medra e reprodúcese en chan fértil.

No meu escaso entender, e outro síndrome máis do funcionamento da política aquí e agora. Un dos varios que me levan a pensar nun risco de suicido social. Máis, como é que se desenvolve un terreo estercado para tales perversións político-sexuais? (Baltardadas aparte). Teño a sensación que non ven de onte.

Vivimos nunha sociedade definida polo utilitarismo. Polo consumo. Debilitada pola instantaneidade. As presas das empresas por medrar e acumular, aplicadas aos seus produtores de riqueza -algúns os chaman obreiros ou empregados- no seu funcionamento interno, acaban facendo osmose nas vidas persoais e no resto do tecido miniempresarial. As pequenas empresas -subsidiarias directas ou non- reproducen esquemas de deshumanización laboral. Os individuos adoptan como súas as premisas e prácticas do seu tempo laboral. Facer máis, facelo mellor, facelo máis rápido. Triunfan as apps de planificación do tempo de lecer. Nada escapa á sistematización. A reflexión sobre as cousas da vida, a análise polo miúdo do que sucede, o contraste da información recibida, a interiorización de conceptos e valores primordiais, a colectivización do pensamento individual, desaparecen. O consumo opíparo de opinións vacuas e ideas sen substancia vai matando as neuronas sociais. E cando non, a sinapse fica sustituida por máis canles de fibra óptica.

Ese novo suicidio social do que sinto que estamos preto, non se produciría a pequena esquela, aceptádeme o xogo de palabras. Estaría deseñado e definido intencionadamente para ser un evento global e perdurable. Os sucesos anteriores, máis localizados no espazo e no tempo, trouxéronos horror e decenios de penitencia cando nos miramos no espello da Historia. En Europa, en Asia, en África, na América Latina as peores lembranzas da capacidade que temos de facer mal cando nos esquecemos da condición colectiva de humanos, teñen exemplos que non é preciso nomear.

A combinación dese esquecemento de ser parte de un colectivo co da diferenciación individual e de grupo, recoñecida como a capacidade autónoma de decidir por un mesmo, de ser soberanos no ámbito que consideremos oportuno, partindo de información veraz e contrastada publicamente, condúcenos ao individualismo e á demagoxia pola negación do razoamento compartido.

Cando unha parte importante da poboación non entende a política como a canle de participación necesaria para a estruturación social, e só a identifican como un lugar non común onde uns poucos sitúanse para conseguir beneficios para si mesmos e os seus, non están facendo outra cousa que expresar a súa propia opinión e definir a súa postura vital. En consecuencia, esa parte da poboación, asiste como espectador granhermanista as aventuras e desventuras de políticos profesionais e partidos establecidos. Ou ben apoiarán a quen entendan que fará o mesmo que farían eles, agardando que a cousa non empeore, ou poder pillar un anaco das migallas repartidas periodicamente, ou que lle xestionen axeitadamente as súas necesidades dependentes da decisión política. Abstención e voto útil. Non importa a ideoloxía. Igual poden ser azuis aquí e agora como vermellos noutro sitio, ou noutra ocasión. Tampouco a ética ten valor, mentres non se sacudan os principios fundamentais do movemento: España, mercado, festa. Gastronómica, en clave de este País. Haberá quen maldiga a este sector da poboación. Eu prefiro entender que actúan en consonancia co que buscan e valoran. Son resultadistas. E tenderán sempre a apostar polo cabalo gañador. Non lles gusta experimentar riscos co que non coñecen no eido colectivo. No persoal, e cousa de cada un e mesmo seica hai quen entra nas sombras grises. Mesmo quen se declara de esquerdas nas enquisas.

E poida que ese mesmo sector da poboación, ou unha outra parte na que se incluirían maiormente, non perciba nin faga seu o sufrimento xeral ao que nos vimos sometidos outra grande cantidade de xente por causa da propia crise económica, pero sobre todo non o entenda como o abandono do pacto social do benestar que fixeron os sucesivos gobernos da dereitona española, traducido en miseria económica para moitas familias, en precariedade laboral e económica para tantas máis, e que hai quen deu en chamar recortes. Que volvera a ser ben vista a caridade, mesmo considerada necesaria contra da percepción de ter todas por defecto acceso aos mesmos recursos básicos para vivir con dignidade, debera facernos entender que non só padecemos unha crise da economía. Tamén do pensamento racional e analítico colectivo, que non é quen de ver isto como a rotura do contrato social entre clases. Caridade que se prodigou na aparición cogomelista de asociacións e oenegues varias para solventar dende unha formulación mal entendida da solidariedade as carencias que os mecanismos reguladores do Estado deberan atender e que as propias institucións converteron en leis compensatorias para os máis desfavorecidos, estigmatizando e excluíndo. Todas entramos nese xogo, por unhas ou outras razóns, doamos e participamos nos actos organizados de doazón. O xustificamos con toda a razón e sensibilidade pola urxencia das necesidades de algúns colectivos. Colleitamos e repartimos peixes, pero non ensinamos a pescar, non sinalamos a quen malgasta o peixe, non condenamos a quen usa o peixe como arma de sometemento. Esquecemos pararnos a pensar nas causas reais da exclusión económica. E nos causantes. E identificalos. E darlles unha patada no cu ou mandalos a sachar patacas nas hortas comunitarias das cadeas por unha tempada. Cando menos non andarían montando fundacións de golfos e manipuladores. Nin ocupando poltronas empresariais enchebandunllos.

Moita limpa habería que facer. Voto por unha lei de rozamento de fincas de privilexios. Obrigatoria e con inspección popular. Por que os lobis, visibles ou non, traballan para conservar e incrementar os privilexios que detentan. E empregan todas as ferramentas que están ao seu alcance, que non son poucas, co obxectivo fundamental de conseguir que o resto da poboación acepte como seus e se comprometa na defensa dos intereses dese pequeno grupo. Alienación. Da que nin nos decatamos as máis das veces.

Tanto é así, que poida que unha boa parte do colectivo de poboación que votan utilmente ou non votan utilmente, asumen tamén como súa unha ideoloxía que afirman é a única para conseguir un País mellor. E escollen tres ou catro ideais centrais dentro da programación -  en algún caso, cabezas XXL, vinte ou trinta- e as repiten unha e outra vez coma un mantra. Só a iniciativa privada crea riqueza, a constitución e sagrada ora pro nobis, os parados non traballan porque non queren, temos que cumprir co que nos mandan de arriba (versión España, versión Europa), non se pode tolerar a discriminación do español na educación, os sindicatos son organizacións para que uns poucos tiren proveito, hai que protexer as empresas españolas no exterior, hai que financiar as empresas privadas con cartos públicos se é necesario, xa está ben de meterse coa S.M. Igrexa, va que non hai collóns a facelo co Islam,.....

Normal. Cando todo un aparato organizado de comunicación de masas, curiosamente financiado con actividade ou cartos públicos, repite unha e outra vez as mesmas premisas, tampouco resulta tan extrana a asimilación. Cando o colectivo receptor non ten nin tempo, nin capacidades, nin ferramentas, nin medios para poder analizar, verificar e contrastar os fundamentos de tales aseveracións, acaba asumindo que é posuidora da verdade.

Claro que non é este o único colectivo que se asenta na crenza unánime propia de ser posuidores da verdade. En xeral todo o sector de poboación que vota con asiduidade por opcións da chamada esquerda sociolóxica, esta nesas. E en cada patio da esquerda está a única verdade. Xa que logo os outros patios non poden tela. Esta conceptualización de superioridade moral sobre as outras opcións, próximas ou contrarias, sempre acabou facéndolle máis mal que ben ás forzas da esquerda tradicional democrática. As dereitas  en xeral e as esquerdas máis radicais cando foron constitutivas de poder, souberon case sempre manter pretas as filas e silenciar, cando non facer desaparecer, ás disidencias. Pero a cousa é que parece que agora, as novas esquerdas, modernas e sempre ao día, tamén están caendo na mesma percepción limitante. Case que ofrecéndose como salvadores da patria esquerdosa, repartindo maxisterio e doutrina a destro e sinistro.

Somos moitos os que formamos parte dese gran colectivo denominado esquerda, igual que de calquera outro, de distintos estratos sociais e idades. Algúns son votantes históricos dunha alternativa social herdeira ou continuadora das teorías marxistas. Mesmo podemos ser votantes por herdanza familiar, recollendo a memoria histórica dos que antes que nós intentaron con ilusión cambiar as condicións de vida da maioría da poboación para mellor. Pero tamén respondemos maioritariamente aos mecanismos de manipulación do poder. Do poder económico, do político e do mediático. Nun momento no que o capitalismo hexemónico traballa arreo para impor os seus ditados a toda a poboación mundial, na intención de eliminar a resistencia dos estados e as unións de estados para facer desaparecer as barreiras que limitan a súa feroz e insaciable fame de acumulación, a esquerda vella non atopa respostas alternativas que darlle aos seus seguidores e a esquerda nova busca responder construíndo ao paso unha estrutura ideolóxica por oposición a. Todo o que se albiscaba como revolución do coñecemento coa apertura e desenvolvemento das redes universais de comunicación converteuse grazas á inoperancia dos sistemas educativos e das organizacións sociais de base nun marasmo de confusión e exceso de información, do que tiran proveito esencialmente os que queren igualar por abaixo. Todas as propostas liberais novas van no camiño de suprimir calquera traba ao comercio internacional, sempre que haxa unha ganancia empresarial. Pero non a conseguir en paralelo elevar en todo o mundo as condicións laborais dos traballadores e empregados, ate o nivel europeo, por poñer un exemplo. As esquerdas locais, mentres tanto, seguen os seus camiños particulares, agardando a solución máxica de todos os problemas dende a seguridade dos seus fundamentos teóricos. E repiten, lemas e slogans pararrevolucionarios. Máis mantras de consumo.


Xa pasaron uns dias do 25S. Vexo no DOGA ao goberno en funcións facendo o que prometeu, traballar dende o luns seguinte. Mesmo dándolle padiante a leis de participación cidadá e control das administracións públicas. Miro a unha parte importante das esquerdas tradicionais suicidarse organicamente. Dóeme. Polos militantes, non polos dirixentes. Penso que non imos gozar de novas eleccións nun par de anos, senón botei mal as contas, e imos ter tempo todas para darlle unhas voltas ao que está a acontecer. Tempo cronolóxico. O panorama pinta un outono político quente nas loitas polo poder, nos interiores dos palacios partidarios e nos espazos comúns da representación popular. Eu teño a sensación de que nada vai mudar. Porque os cambios non dependen da intención positiva duns poucos. Cando menos os duradeiros. Existen múltiples teorías sobre o liderado e o comportamento das elites. Segue habendo moita xente que fía en líderes a consecución de obxectivos colectivos e moitos outros que consideran que son as elites ben formadas e moralmente equilibradas as que nos sacarán do marasmo social. Non hai tal. Alonxados de opcións revolucionarias, historicamente alonxados, a única posibilidade de mudar algo con xeito no eido colectivo pasa por cambiar os procedementos de relación co poder, asumindo a responsabilidade individual na toma de decisións colectiva, revisando a conceptualización dos valores que queremos compartir, definindo novos parámetros sociais do funcionamento da economía, establecendo compromisos para a distribución equitativa dos bens e servizos, entendendo a idea de riqueza como algo que ten que ser necesariamente de todas e fundamentalmente dándolle unha volta completa ao sistema educativo para que deixe de producir títulos e se adique a colaborar na construción de persoas. Todos a educar. Moito curro do noso señor, ao que non creo que a maior parte da poboación este disposta. Porque non teñen necesidade. E os intereses van por outros derroteiros. Aínda temos os pes secos e quentiños.

mércores, 14 de setembro de 2016

SEXO NA REDE


A quen se lle diga
non o vai crer:
nada acontece na vida
sen eu o saber.

E non é mentira
para o que hoxe ten
a conexión permanente
nas máquinas coa rede.

Pero a cousa será
pensar de verdade
se tal cousa ten
verdadeira utilidade.

Apetecíame empezar en verso, por practicar, por alternar, por ser moderno. E certamente non é unha cuestión baladí en si mesma. Porque cando a comunicación en xeral entre os seres hubanos estase a converter nunha especia de máquina expendedora de palabras xuntadas mecanicamente, precociñadas ou recociñadas dixitalmente, sometida aos imprevistos da automática corrección informática, todo isto vinculado ao aumento en progresión xeométrica da relación on-line in real time, precisase continuamente de novos xeitos de expresar o mesmo repetidamente, para non caer no esquecemento das redes por aburrimento.

Aínda que a estas latitudes vitais un xa non teña a necesidade de aprobación que parece transmitirse cada segundo nos mundos virtuais compartidos, si teño que recoñecer que se entras nas redes - antes usabamos aquilo de “caeche nas súas redes”, como cambia o conto - para contar cousas que che suceden no cotián, dáse por entendido que será para os demais manifesten o seu agrado ou desagrado co acontecido. Ou poida que non. Cando o que intentas é ofrecer formulacións ideolóxicas, pensamentos alternativos ou diverxentes, sensacións no persoal sobre o que sucede no mundo, o que parece un que quixera é invitar á reflexión, promover o debate, traballar para reconstruír o sentido común ese que non existe, elaborado nunha índole de acto cuasi sexual colectivo. Acto social. Aínda que as veces só tratas de atopar o orgasmo da creación, recreación ou recoñecemento de ideas, conceptos filosóficos, políticos, artísticos.... Sen reparar moito en se haberá ou non a quen lle preste a sedución da proposta de traballo colectivo para definir camiños de acción colectiva. Mesmo nestes casos, tamén da pracer saber que hai alguén máis que coincide coas túas apreciacións. Pero claro, o onanismo é unha elección de satisfacción en soidade. O que mola é a relación. Sensual. Sexual. En calquera caso íntima. O que non é contraditorio con ser pública.

Pero onde queres chegar!!?? Pois a lanzar unha pregunta colectiva, para variar. Temos o campión do mundo en capturar Pokemons. Somos unha potencia sexual en telefonía móbil. Quen non ten un iPhone ou coñece a alguén que o ten? E todos os androides restantes andamos fardando das virguerías que nos da por facer cos terminais loucost cos que andamos. Que veñen fasendo o mesmo que os highcost pero máis barato. Nin por abaixo nin por arriba poñemos lindes nas idades de uso dos terminais. Avós e netos comparten o mesmo modelo de móbil e chatean entre eles no guas. Logo non se miran apenas cando están xuntos. De falarse, xa nin falemos. 

Pois entón, sería bo que comezaramos a formularnos, no persoal, nas familias, nos centros de estudo, se deberamos parar a carreira armamentística das tecnoloxías de comunicación móbiles? Porque as carga o diaño....

Un colega sumouse a unha iniciativa para crear unha asociación para fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía. Atlantics. Pero será que como para outras cousas, non chega con propoñer unha alternativa, aprender e formar, específicamente a quen máis o precisa, senón que haberá que revisar a cuestión de porque nuns poucos anos acabamos todos enguedellados con todo isto do mundo app. Especificamente, non deixo de preguntarme se nos eidos educativos institucionalizados estaremos facendo unha fuxida cara adiante enredándonos coa tecnoloxía por non reaprendérmonos a pedagoxía, a didáctica.

E como son moi de lanzar ou relanzar iniciativas, vou propoñer unha: escollamos un día sen tecnoloxía móbil. Por exemplo, o 23 de outubro, que nin mirei en que cae. Que ese día, dende as cero horas zulu ate as cero horas zulu do 24 ninguén acenda os trebellos correspondentes. Aturariámolo?

Vouno subir ao blogue.....

venres, 19 de agosto de 2016

CULTURA DE LECTURA

Parece que no verán hai moitas máis novas relacionadas co sector educativo que no resto do ano. Ou máis densidade. Será que se vai recollendo todo o que pasou durante o curso escolar, non sei.

En concreto, o puñeteiro programa de gratuidade solidaria como a serpe do verán chega de novo ás miñas redes.

Desque rematou o curso, aló por xuño, fun anotando algunhas cousas que chegaban aos meus sentidos. Inmediatamente despois, libros de texto mercados ou de vale, lanzados con saña ao lume purificador da noite máxica. Xente preguntando como facerse coas axudas ou apuntarse nos bancos, mesmo fora do prazo establecido. Un contedor amarelo rebordado de bolsas nunha rúa capitalina e por riba, máis libros de texto usados e aínda sen desplastificar. E no faiado, algúns dos meus libros de primaria, daquela EXB, gardados como reliquia en pano. Que lembranzas. E mentres levantaban as persianas as casetas da feira do libro coruñesa unha nai redondelá contábame como dos cento e pico euros do vale para a ESO, no podía usar nin a metade do valor, polo da claúsula de rescisión dos libros non reutilizables. Dicíame da mentira que nos conta a Consellería sobre iso da gratuidade solidaria, que por certo, reitero unha vez máis a pregunta, quen discorrería semellante denominación? Ou é redundante ou é contraditoria. Eu pensaba en indicarlle cal é a postura que as organizacións de nais e pais que molan en galego, en Galiza, levan xa tempo proclamando. Mesmo no Change.org, modernos que son/somos. Volver ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto e material escolar para todo o alumnado do ensino público obrigatorio. O demais, milongas e contos de vella. Logo, ou no entanto, xa haberá tempo para facer a reflexión colectiva sobre que pintan os libros de texto tal e como son agora - en papel ou electrónicos- nun modelo avanzado de educación.

En calquera caso, toda a reflexión e recordatorio anteriores, feito a xeito de pensar en alto, viñan ao seguinte: que lles estamos transmitindo aos rapaces e as rapazas sobre a lectura e os libros con este modelo de uso dos de texto? O meu pensamento é que os seres humanos moderniños respondemos cada vez máis - nos sei se menos sería mellor ou peor - por impulsos simples, non sempre conscientes nin na súa orixe nin no seu efecto. E que nos aprenden a responder automaticamente en base á repetición insistente de modelos de comportamento, por terra, mar e aire.

Os máis novos son aínda máis susceptibles a este xeito de programación, en boa medida porque nin nas escolas nin nas familias podemos, sabemos ou queremos traballar para compensar esa tendencia. E o que rematan asimilando é que a lectura so é boa para conseguir un resultado medible, e que os libros son obxectos de consumo, de usar e tirar. Caca neno!

Eu son un amante dos libros. En parte foron eles os que me descubriron o mundo, me ensinaron a entenderme e a entender o que sucede. Fixéronme rir e chorar. Préstame apertalos e bicalos, de cando en vez. E teñen manchas, algúns, de chocolate ou de chourizo. Son compañeiros na viaxe do agasallo da vida que nos toca facer a cotío.

E gustaríame que os meus fillos e as vosas fillas e fillos tamén o sentiran así. Sería este un bo obxectivo común? Que deberiamos facer para conseguilo? En que aspectos e eidos deberiamos incidir máis para logralo? Como poderíamos controlar que progresamos nesa dirección? Coido que de tantas preguntas (e máis que poderíamos facérmonos, seguro) xurde xa unha resposta: non é algo que poida facer un só. Necesítase traballo colectivo constante. E permitídeme que tome esta aseveración como un dos principios básicos dos valores comúns que temos que reconstruír entre todas.

Agora, vou seguir lendo un rato.

sábado, 25 de xuño de 2016

O VOTO DA PRIMITIVA



E que pasaría si...? Como sería se todas decidiramos votar o domingo o mesmo que votamos en decembro? E que se algunha non vai poder, polo que sexa, haxa outra que adopte o seu voto circunstancialmente. E as que non foron que non vaian tampouco, claro. Seica que para as que cumpriron os anos precisos no intervalo custaríalles non ir, polo da novidade máis que nada, pero poderían sumarse ao da adopción e así non alteramos nada.

E entón, quen lle estaría dando unha segunda oportunidade a quen? De quen mandamos aos que teñen que exercer o noso mandato, e non ao revés, como seica toca agora.

Xa sei, isto non forma parte do ideario político de ningunha formación. Pero tampouco do imaxinario político da poboación en xeral. As primeiras porque o seu interese principal é gañar para poder administrar a aplicación dun determinado dogma que só poden desenvolver dende a distancia orgánica e burocrática. Os segundos, o corpo votante, porque poida que non vexamos na política unha forma de relación social pertinente que precisa de atención (e cariño) continuada, senón como un espazo para patexar, un lugar de enfrontamento, unha contenda en termos futbolísticos, un gran reality show, un vídeo de bar, un programa da teletenda.

No meu pequeno recuncho de opinión, como parte inmersa nesa masa con dereito a voto, recoñézome ignaro, indeciso, manipulable, tendencioso, previsible, alienable. Especialmente cando boto a vista colectiva atrás no tempo. E cada vez cústame máis traballo manifestar publicamente que un voto ten algún valor, se non somos quen de convertelo nun compromiso persoal entre individuo e grupo para traballar acotío na procura dunha sociedade mellor.

E na mesma medida, exceptuando aquilo que supera o límite de lesa humanidade, como en tantos outros dos pequenos ensaios sociais que sigo compartindo, non son quen de sinalar, estigmatizar ou excluír a un individuo polas súas decisións, opinións ou votos. O que me proe é o comportamento colectivo. Que sexamos tan parvos para renunciar ao poder poñéndoo en mans de intermediarios sen ningún control. Nos tempos nos que estamos, onde a posibilidade definida polos medios tecnolóxicos de ser capaces de participar en tempo real, non a empregamos para converter a participación nas decisións políticas en cuestión cotián, pero si convertemos decote decisións menores en valoracións fundamentais.

Cal é a experiencia histórica que temos sobre o cumprimento das cuestións programáticas da maioría das formacións políticas? Que un partido que gaña as eleccións modifique o que tiña pensado facer ao chegar ao poder, pode ter múltiples explicacións. Entre elas, podería ser unha a de que exercen como posuidores e non como usufrutuarios do mandato político? Se así fora, tería isto que ver máis coas súas propias estruturas internas  de poder ou máis con que son organizacións que xorden dunha sociedade determinada e reproducen os esquemas de funcionamento social?

A que é debido que unha vez e outra, nas sucesivas convocatorias, escoitemos repetidas as mesmas argumentacións sobre cuestións de base do funcionamento democrático por parte da maioría das formacións políticas? Por exemplo: a discusión sobre o de deixar gobernar ao partido máis votado. Que tipo de sistema electoral nos deron aló polo 75? Escollemos unha persoa para gobernar ou escollemos moitas representantes para que decidan entre elas quen gobernará? Votamos sendo conscientes desta cuestión? Outro exemplo: o emprego do medo como ferramenta de acumulación de votos. Que ben podería ser asimilable a calquera outra emoción potente. Como cualificariamos a calquera persoa que intentase conseguir algo de nós, no bis a bis, utilizando o medo a unha consecuencia funesta? No ámbito da educación, e no entorno familiar especificamente, recoñecemos a chantaxe emocional e o acoso como usos subrepticios do medo na relación. Como é que non somos quen de valoralo igual en termos políticos?

Condenamos a calquera que manifeste publicamente que se equivocou en algo, etiquetando a esa persoa como non fiable, incapaz de asumir responsabilidades. O facemos acotío, mesmo con xente que temos preto de nós emocionalmente. A perda de confianza nos ámbitos persoais, parella, fillos, amizades, é un factor considerable da ruptura de relacións. Como é que seguimos mantendo a confianza en persoas públicas das que sabemos que mentiron plausibelmente? Ou quizais é que non existe a verdade, ou é unha entelequia, ou é subxectiva. Dependerá o que percibimos e como o percibimos de canto nos teñamos que arredar da nosa zona de seguridade vital? Será que a información que asumimos como verdadeira é aquela que confirma as nosas expectativas ou os nosos prexuízos?

Púxenme a escribir isto sabendo que s.c.f.m. o domingo irei votar. E sabendo a formación á que lle vou dar o meu voto dende hai un tempo xa. Porque o meu escepticismo social non pode superar o positivismo vital. Entendo o funcionamento democrático no que teño a oportunidade de participar, como parcial e limitado. Un camiño longo por recorrer para conseguir chegar a algo máis. Pero non podo esquecer que antes que nós un lote de xente de ben pelexou - e mesmo puxo a súa vida na pelexa - por conseguir un dereito social ao que non deberamos renunciar por non comparecencia. Votarei por min e por todas. E tamén in memoriam.


E ao día seguinte, a seguir dando caña....

mércores, 22 de xuño de 2016

REENCARNACIÓN

Municipal Fish Market - Lily Spandorf
https://museum.gwu.edu/spandorf
Tanto debate e tanta osX, e tanto indeciso que aínda non sabe que facer coa súa vida votuna, votante, ou como sexa que haxa que dicilo.

O de votuna non vai por rimar con Fuenteovejuna, ese pobo de ficción que tantos discursos ten inspirado. O de verdade, Fuente Obejuna, en Córdoba, cuxo xentilicio é de pregunta de Saber e Gañar, non aparece nos noticiarios habitualmente.

Votante si que rima con militante, pero tamén con diletante. E con grazie tante en italiano. De nada.

Posto a escoller, eu non sei que escollería, case que preferiría o primeiro que o segundo. Non por nada. As democracias estas representativas estilo occidental, fundaméntanse niso. Nos votos. Nos votantes. Non é que guste máis das orgánicas, como as que tiñamos antes de J. So que están pensadas así, vota e xastá. Cando che toque. E para o que che toque. Logo xa facemos nós, os elixidos. E desfacemos.

Pois iso, tírame máis o da sociedade civil activa, estruturada, comprometida e participativa. Militante. Non intermediada nas decisións. Non infestada de intereses alleos. Non sometida a constantes  e continuos intentos de manipulación. 

Na miña anterior reencarnación, aló polo fin do XIX, sendo votante selecto indeciso entre Cánovas e Sagasta, pensaba en estar nunha sociedade que fora quen de manifestar ás súas opinións abertamente, responder ás convocatorias transmitidas de boca en boca, e acudir maioritariamente ás convocatorias públicas descritas nos bandos cravados en postes e paredes. Non era consciente de que o meu mundo urbano e cultural, non era nin por asomo a referencia maioritaria na España que me tocara vivir.

E imaxinaba, lendo algúns dos textos que dificilmente chegaban da Europa xa industrializada e en efervescencia de remuda ideolóxica, como co pasar do tempo, mudarían as condicións nas que poderíamos escoller. 

Soñaba. Como chegaremos a dispor de medios e sistemas colectivos de comunicación e de decisión instantáneos. E todo o mundo apartará unha parte do seu tempo vital para poder analizar individual e colectivamente as propostas dos políticos para facer isto ou aquilo case que en tempo real. E tomaremos decisións colectivas, tendo acceso sen restricións a toda a información necesaria. Como haberá tanta, as organizacións sociais de base serán as encargadas fidedignas de separar a palla do gran para os distintos sectores de interese, facilitando a toma de decisións. Haberá bibliotecas inmensas por todas partes, non son quen de imaxinar con que formato de soporte, onde calquera poderá coñecer en profundidade sobre o  que considere necesario, e constituiranse nelas, ou arredor delas, espazos de aprendizaxe social estandarizados, onde persoas de todas as idades, coordinadas e guiadas por expertos na ciencia de medrar, compartirán as súas experiencias vitais e construiranse xuntos. E a xente acudirá a estes recintos tamén nos tempos de lecer, e terán nomes que recollan o sentir común das xeracións ou que inspiren a continuar recreando as tradicións, e organizaran nelas festas e celebracións, foliadas e muiñadas, concertos e recitais de poesía e danza, e xurdirán, espontaneamente, cando un grupo de persoas con coñecementos ou intereses afíns se atopen. Outros colectivos, ou os mesmos, ou unha mestura deles, preferirán nun momento determinado compartir ás súas habilidades físicas para xogar, divertirse, formarse e afianzar a súa saúde física e mental, mentres outros os observan e gozan da beleza intrínseca da maquina do corpo humano en acción. E pensarán, eu tamén podo facelo, e se unirán á celebración.

As rúas serán sempre espazos de expresión artística e creadora, de todo tipo, e calquera persoa poderá atopar onde e como divulgar o que xurda da súa imaxinación e do seu sentir, cantando, pintando, tecendo, escribindo, forxando, esculpindo,... e compartirán con todas as demais as súas creacións. Nada do que fagamos será de balde e ninguén recibirá un beneficio extraordinario por facer o que lle gusta. A universalización do coñecemento levará irremediablemente á socialización dos bens de produción e á solidarización dos produtos de consumo. A produción do traballo estará dirixida e organizada baixo a premisa de facer a vida mellor para todas as persoas. Todo o mundo en todo o mundo terá cubertas as necesidades básicas vitais para poder subsistir con dignidade, e xa dependerá de cada un traballar individual e colectivamente para algo máis. O obxectivo da vida xa non será ter máis que os demais para marcar unha diferencia de clase, senón ser máis como individuos construíndo identidades únicas e contribuír á creación permanente de identidades colectivas. O recoñecemento de quen somos será a sabedoría coa que poderemos recoñecer, abraiarnos e admirar o que son os demais. A manifestación deste saber expresarase no respecto á diversidade e na defensa da igualdade de oportunidades. O modelo de vida xa non será o de acumular capitais e bens, senón o de medrar como seres humanos de a un e de a millóns.

Xa non miraremos o mundo que nos deu a vida e a evolución, como o noso patio de recreo, senón como o espazo vital onde comezamos a existir como especie para seguir estendendo a vida. E decatarémonos de que non somos reis senón colaboradores da Natureza. Que non temos poder nin mandato para domeala, senón para entendela e colaborar con ela nas súas funcións, ou cando menos non entorpecela. Que todas as especies que nos acompañan neste camiño de vida evolutiva son aliadas, non inimigas, compañeiras de viaxe, non escravas dos nosos designios.

E entón volveremos mirar as estrelas e aínda non será tarde para agardar que alguén máis no Universo comparta a nosa visión. E continuaremos a busca. E iremos alí para levar o noso saber e para seguir aprendendo.

Pero sabía que estaba fantasiando. Tiña que volver a liberais e conservadores, agora ti, agora eu. E decidir, decidir por outros. Intentar manter funcionando un País e unha monarquía na que a maior parte dos seus habitantes non saben nin entenden para que sirve a política, non coñecen os mecanismos de control do poder, nin teñen conciencia de que o único xeito de cambiar a súa existencia indigna é actuar colectivamente, permanentemente.

Imaxinaba que tería que pasar cando menos outro século enteiro para que as miñas ilusións se fixeran realidade. E entón o século XXI si sería o século das luces en todo o planeta. E aquí estou agora, na quinta reencarnación (moita guerra mundial, pouca paciencia conducindo e moito anuncio de Marlboro polo medio). Xusto onde quería estar.


Pois, mecagho na reencarnación!

xoves, 9 de xuño de 2016

INSUBMISIÓN


Ás veces devén un triste ao escoitar como é que se pronuncian os nosos representantes ppolíticos cando algo non lles vai ao rego. Adoitan ser os mesmos que rachan as vestiduras cando alguén lles dirixe algún exabrupto. Lendo o titular repetido en diversos medios que recollía as declaracións do noso conselleiro de educación (cultura e universidades coido que tamén) quedei abraiado. Non pola cualificación da actitude de algunhas nais e pais non levando aos seus fillos e ás súas fillas ás reválidas, que non é máis que correcto na súa definición, senón por manifestar tan abertamente o que lle proe tal resposta por parte das familias. Dáme a min que as pporcentaxes que deu non deberan ser talmente así, mesmo sabendo que mesturan as cifras do público coas do privado (xa está ben de chamarlle concertado) e optaría por fiarme máis das que dan as organizacións representativas de nais e pais. Cando menos no ensino público, que para o caso é no que teño interese, a insubmisión foi maioritaria, con moita claridade. Pero ademais dáme que pensar que efectivamente o único xeito válido (mesmo reválido) de manifestar o non acordo con todo o montón de esterco da lomce, era xustamente este que algunhas organizacións promoveron (outras subíronse ao carro a posterior) e - sorna a tope - algunhas familias exercemos: a insubmisión.

Para un tipo coma min, que entende e practica as normas, mesmo que contribúe á súa creación nalgúns ámbitos, exercer a insubmisión e cando menos un acto excepcional. Algo ao que se pode chegar na conxunción de varios factores, entre eles, e neste caso en concreto fundamentais, dous moi específicos: dunha banda, a incapacidade da administración pública correspondente para escoitar a aqueles para os que traballa e dos que emana o seu poder lexislativo, da outra, a necesaria resposta colectiva contra un problema-inimigo común que afecta ás vidas particulares de cada un.

Dáslle voltas de máis, dirás ti. Pero verás, e que teño que ter claro o porque, para entender o como pensando no para que. Tan claro como para poder explicarllo ao meu fillo de 11 anos, que ten a obriga de asistir ás clases todos os días do curso lectivo escolar, s.c.f.m, segundo lle levamos dicindo dende que comezou a primaria. Ao mesmo tempo que entendíamos que esa obriga ven dun contrato social entre iguais para dármonos un sistema público de ensino cunhas características definidas. E a parte contratante da primeira parte, as contratistas desta banda, tivemos moita paciencia e control para reiterar unha vez, e outra, e outra máis... cal era o noso parecer no que atinxe á implantación dunha lei imposta que rachaba ese contrato.

Agora resulta que todo foi unha campaña política por mor do período electoral permanente ese no que andamos. En boca doutro ilustre dos nosos representantes ppolíticos. E non lle da a risa. Ou igual si, pero será na intimidade.

Lembro o primeiro contacto lector que tiven co proxecto da lei mencionada. Aló polo segundo semestre do 2012, coido. E xa daquela, os que saben ben e os que sabemos algo, comezamos a enredar politicamente, en versión poder, pensando nas eleccións, e non en cal é o modelo que queremos para o ensino público. Por descontado, non é o de ter que non levar a nenas e nenos ao colexio, senón o de que todos os días lectivos os de primaria, igual que os de infantil e os de secundaria, acorden cada maña pensando no ben que o van pasar e no moito que van aprender ese día na escola, na escola da vida.

Nestes días pasados eu no puiden evitar sentir esa tristura por como os noxos dirixentes pretenden manipular, segregar e condicionar ás nosas fillas e aos nosos fillos cun obxectivo definido. E máis aínda cando me decato de que xa conseguiron con medios menos claros promover ese mesmo obxectivo entre a poboación xeral, fora do ámbito institucionalizado do ensino público. Pero resulta tan descarado o intento marcado dentro da lei lomce que permíteme entender sen ambaxes a soberbia das afirmacións dos seus defensores, os políticos e os que non o son. E con esa lóxica de superioridade talibanista, están tan sobrados, que non senten a necesidade de escoitar, non poden entender ningún outro concepto e non están dispostos a aceptar un debate aberto sobre os principios nos que debera fundamentarse o ensino público, que tería que ser necesariamente unha parte principal de como desexamos que sexa a sociedade na que nos queremos desenvolver como persoas. Isto do pensamento limitado, en realidade, e consubstancial ao ideario que impregna a lei e á súa aplicación.

Cal será ou debera ser a consecuencia de toda esta insubmisión? Como somos tantas as que coincidimos na apreciación da maldade intencionada da lei lomce e como a todas impórtanos tanto a educación como concepto de base social global, ninguén de entre nos nas últimas eleccións deu o seu voto aos partidos políticos que a defenden, nin votará nas próximas, estatais, autonómicas ou locais a eses partidos. Agora é a min a quen lle da a risa, publicamente. Non so é que existe un conxunto moi importante de organizacións de todo tipo, de grupos de interese e de persoas individuais, mesmo dentro do ensino público, que comparten claramente - con feitos - o ideario lomce, senón que ademais a Educación, impórtanos colectivamente menos que un comino. Non é ningún obxectivo prioritario da vida social nin individual, salvo para uns poucos. O último barómetro CIS, recolle coma todos os meses as respostas á cuestión de cales son os problemas que consideramos máis importantes para o conxunto da sociedade neste momento. A Educación non aparece en ningún caso coa maior porcentaxe na listaxe, nin como  primeira, nin como segunda, nin como terceira. Suma en conxunto un 9,1 e nesas cifras vin que se movía tamén nos anteriores, colocándoa no conxunto nunha sétima posición total, a moita distancia das máis importantes. Pero e que só chega ao 1% como primeira preocupación. Poderíase ler este resultado como unha manifestación de que a Educación está ben no conxunto do Estado, ao non ser valorado como un problema substancial? Ou será tamén que cando nos fan unha pregunta así “¿Cuál es, a su juicio, el principal problema que existe actualmente en España? ¿Y el segundo? ¿Y el tercero?” pensamos nas cousas ás que lle damos máis valor e temos en máis consideración primeiro, segundo e terceiro? Cando a pregunta recolle coa mesma clasificación cal é o que máis nos afecta persoalmente, do 1 pasa ao 3,3 como primeiro, pero o conxunto só suma dúas décimas máis, ate o 9,3. Poida que isto aclare algo algunha das cuestións anteriores.


As enquisas son o que son. Pero como ves ti a realidade que te rodea? Sería necesario cambiar o chip? E iso, como se consegue? Uróboros. Os que o teñen claro, non dubidan en aplicar intencionadamente as súa premisas ideolóxicas no eido educativo. Hai outro dato desta enquisa para reflexionar sobre nichos de mercado que necesita o capital. Fáltanos moi pouco para chegar ao 70% de persoas ocupadas no sector servizos. E logo les nos xornais a profesionais do eido social dicindo que hai nenas ás que xa lles ve con 12 anos que van para a FP. Que presente! Que futuro! O das que primeiro esqueceron e despois quixeron negar a Historia.

martes, 24 de maio de 2016

CANASTRAS

Membros do CB Arteixo e do Baloncesto Narón xuntos despois do partido. Foto cortesía do CB Arteixo.
Dende hai uns meses asisto como espectador con regularidade un fin de semana si, outro tamén, a partidos de baloncesto de categorías alevín e infantil. Algún de júnior tamén. Este domingo pasado asistín en Arteixo a unha das semifinais do torneo disputado entre o CB Arteixo e o Baloncesto Narón. Durante este partido sucedeu algo que necesito compartir. Sobre todo porque sete días antes tiven a oportunidade de presenciar unha vitoria agónica nun enfrontamento que foi un pouco máis aló do estritamente deportivo.

E entre medias, o repaso en Fisterra das teorías sobre o cerebro triúnico. Pero antes, pausa para a publicidade. Non, é broma. Antes, unha apreciación. Nos deportes de equipo, cando é preciso o contacto físico para o seu desenvolvemento, cal é o cerebro co que máis traballamos? O reptiliano, o emocional ou o neócortex? Nas bancadas, ás veces, mesmo no meu caso que son medio vulcano, parece que son o primeiro e o segundo. Incluso sen que haxa participación de alguén coñecido, familiar ou amigo no combate en pista. En concreto, no baloncesto, pódese pasar en segundos dunha absoluta mornura a unha acción trepidante, dun xogo de xadrez con balón, cos movementos estudados e repetidos infinidade de veces nos ensaios á absoluta improvisación usando dos recursos técnicos practicados. Son pequenos períodos de tempo para cada acción, que dan un resultado a curto prazo, e constrúen un todo finalmente. Emocións de sube e baixa. Intimidade física en pequenos espazos, normativizada no si vale e no non vale, que os expertos saben ver e explicar e os profanos non facemos máis que intentar entender. Pero estando nun escenario así, onde as tensións xeradas poderían incendiar o equipamento deportivo, cando un rapaz cae ao chan, todo se detén no universo. Cando o equipo contrario descubre por onde facer entrar o balón na canastra entre un mar de brazos pegados a corpos e ruído, moito ruído inimigo, tamén aplaudimos mentres seguimos berrando, por que admiramos a beleza. Cando a xuíza ou o xuíz erran na súa apreciación, non o entendemos pero entendemos como é de difícil parar o tempo a cámara lenta para ver ese movemento de cadeira que sobraba. E nos partidos dos máis cativos, non importa o tempo, e o árbitro de quenda párao todo para explicarlle ao rapás como é que fixo cámino. E os adestradores explícanlle cousas ao 17 ou ao 4, ou a ámbolos dous a un tempo, mentres os demais seguen xogando. Están aprendendo a xogar baloncesto. E están entendendo como é que se pode facer unha cousa ben ou mal para o plan xeral do equipo. Míranse e comezan a saber o que van facer antes de moverse. De paso, aprenden como é que un toma as decisións, porque, para que. Edúcanse.

Non entendía como un adestrador podía incitar a un rapaz a protestar, intentar enganar, usar da violencia, a forza empregada sen medida, as agachadas, sen lei, contra dos seus rivais. E chameille macarra. Berreillo na súa casa. Non me vale de escusa que houbera mesmo quen lle dirixiu outras lindezas similares a algúns daqueles rapaces. Non foi correcto. Non porque non o fora, macarra digo, que é posible que sexa unha boa definición da actitude, senón porque non axuda en nada para que as familias deses rapaces poidan entender o que alí estaba a pasar nin para que os rapaces aos que eu acompañaba, entre eles o meu, percibiran con claridade como é que non se poden facer as cousas. O dinosauro non pode mandar nestes temas. Queremos que xoguen, que aprendan, que se divirtan. A competición non pode ser a válvula de escape das cousas que non somos quen de resolver nas nosas propias existencias adultas, pasadas ou presentes, nin se pode converter nunha guerra sen cuartel, sen límites, onde o único obxectivo válido sexa a derrota do contrario. Onde se valore máis o resultado clasificatorio que o compromiso, o traballo, o esforzo, a camaradería, o crecemento persoal, o desenvolvemento da autonomía física e mental,.... 


E entón chegou Arteixo vs Narón o domingo. Nun intre do partido nunha acción de ataque do equipo visitante nunha xogada en estático, un rapaz dos locais perseguindo pola zona a un contrario que buscaba liberarse para recibir o pase, cae o chan, imaxinamos que no corpo a corpo, tensión, presión, e o rapaz contrario dálle unha patada cando xa está no chan. Técnica, dous tiros e saque para os locais. Inmediatamente, o seu propio adestrador o saca da cancha e antes de que pasara tres segundos no banquiño o manda directamente para o vestiario cun xesto claro e explícito de desaprobación. Todos aplaudimos. Bravo! O partido rematou coa vitoria visitante, contra un bo xogo local pero mal acompañado na puntería, e despois dos habituais rituais de saúdo entre todos os participantes, árbitros e mesa incluídos, houbo foto finish. Parecida á da cabeceira.  Xuntos e revoltos. E vimos ao rapaz sancionado axudando a baixar os chanzos das bancadas a unha persoa maior que o precisaba. Bravo! Isto si que mola! Non si?

venres, 13 de maio de 2016

A AVOA ANTI


Xa non se escoita tanto, e a verdade é un pouco estraño, estando como estamos en período electoral permanente. Ou poida que eu non lle estou dando moita cobertura a isto das campañas infindas,....indas,.....indas,.........indas. Para o que hai que oír. Pero isto da densidade ideolóxica das pre, midle & post campañas, mellor deixámolo para outro día. Fago referencia na entrada ao de "son uns Antisistema". Como a rapazada e non tanto que se xunta para dar caña nos cumios G, non confundir, ou nos do clímax, perdón, clima. Claro, a cualificación esta indicada polos medios de comunicación de masas (dito así xa non haberá que explicar nada do tipo de información que botan, digho eu) é recorrente cando calquera organización maniféstase de calquera xeito contra dalgunha das premisas dogmáticas básicas do sistema. É que ven sendo iso? O do sistema, digo. Un obxecto complexo que relacionase cando outros elementos alleos, seguindo unha definición wikibásica. Non saio do meu asombro ignaro. Se o centramos no eido políticus aínda é máis alucinante como se explica -alucinación no sentido de non entender nin papa-. A plasmación organizativa dun conxunto de interaccións que son estables a través das cales exercese a política nun contexto limitado pola poboación. Sendo así, xa teño claro nada.

Pero voume aventurar a dicir que aos que sinalamos antis, o son como opostos ao sistema capitalisto. Teño o 99% de posibilidades de atinar, porque seica xa non hai outro, coido. Quitando variantes locais, versión chinesa, tacheriana ou en vías de desenvolvemento. E o outro 1, vai en que se opoñerse a un sistema, de feito, quer dicir non aceptar as normas establecidas, ou a organización de calquera actividade colectiva, ou algúns dos valores con primacía social, en actitude de oposición radical -con ou sen alternativa-, pois coido que quen mais quen menos, foi, é ou será antisistema.

Xa non dighamos de pensamento. E non hai que pensar en grandes transgresións, tipo defraudadores fiscais ou condutores suicidas. Eu diría máis: por común e proliferación as pequenas insubmisións todas xuntas fan un palleiro ben máis grande onde escondemos e escusamos as agullas máis grandes. O que manguei no super, a travesía da vía polo medio e ídem, o "eu non fun" da estrela futbolera que lle arreou ao outro, o de paro un momentiño en dobre fila, o de veña home por non cubrir a ficha vou quedar sen praza?, o de ti pega só para defenderte, non pasa nada se por hoxe non apagamos as luces ao saír, o de pero se todo o mundo (7.500.000?) o fai,...

Vou ver de poñer un exemplo máis concreto. Veritas veritate. Hai uns dias tiven a inestimable oportunidade de observar unha avoa antisistema. Unha estrada autonómica que atravesa un núcleo semi-urbán, destes que se constrúen dunha banda e da outra da vía de tránsito, sen pensar moito na ordenación. Unha anciá cunha eiva/lesión apoiada nunha muleta ocupando un brazo e acompañada dunha nena amarrada á outra extremidade superior que prolongaba a extensión como portadora de bolsa da compra. Dez da maña. Tráfico rodado en ambos sentidos nivel 4 sobre 5. Sen aparente percepción do risco sobrelevado, cruzan os catro, muller maior, muller pequena, muleta, bolsa da compra, en diagonal cunha inclinación de 30° atravesando os tres carrís (sube, servizo central, baixa) a menos de 25 mts dun paso de peóns regulado por semáforo de pulsar. A avoa leva ben posto o adxectivo? Ou non?

E reflexionando, non só somos A.S. a título individual. No colectivo tamén.  E tamén "sen querer". Eu, por exemplo, son socio dunha que revelase contra da norma e do sistema. Con toda a lóxica da necesidade común. Se ti que o tes que facer non mo fas, ou mesmo non mo fas ao meu gusto, fagoo eu pola miña conta. E se pensas que che vou deixar que o fagas, vas listo, porque non me fío. Nin de que vaias facer as cousas tan ben como as estou facendo eu nin de que eu teña a coraxe, o "sentido común" e o compromiso colectivo necesario para esixirche que cumpras co teu deber. Logo son -colectivamente- dobremente antisistema, polo teu e polo noso. E tan pancho! Que pasa?!


Canta etiqueta e canto conto.
Non se está tan mal sendo un radical.
Ninguén aparenta ser o que os demais queren ver.
E non hai mal que non medre onde a bondade garda silencio.
Punto seguido.

mércores, 27 de abril de 2016

SUCEDIDO


Vou abrir unha sección de sucedidos no blogue. Cousas que pasan no barrio, sendo o radio de acción un número enteiro variable non inferior a mil metros. Como todo o mundo sabe, isto supón unha superficie mínima de Kms2. Tendo en conta que o centro do mundo, como todo o mundo sabe,  é o cruce do bar Insua, pois chegamos coma pouco a Barrañan, Loureda, A Maceira e os territorios inexplorados de Lañas.

E para inaugurar a sección, vou comensar cun laboral. Ou económico. Ou humanístico. Sociolóxico? Ben se vai ser así sempre, pouco imos aclarar. Ou poida que sexa un pouco de todo. Canto mundo, canto pouco e canto todo.

O conto é que coñezo unha rapasa que por non ter outra cousa que facer meteuse á limpeza de domicilios particulares. A de deixalo limpos de todo non, a de limpar a merda que os habitantes -propios e estraños- deixan. Destas que van case que con traxe de mergullador, xamentendes. A rapasa, digo. A casa, humidade tiña, pero non como para ter que facer inmersión.

Unha ocupación periódica, dia si, dia non, sen festas de gardar no calendario. Un traballo reconfortante, reconstituínte e mineralizante. Destes nos que tes tempo a ler o xornal, saír tomar o café con churros, ou ir facer a compra en horario laboral. Un curro dos que che dan tempo a pensar no que non estás a facer, que xa e unha cousa tan automatizada que polas noites moves os brazos en plan cera-pule en soños.

Pois levaba a rapaza na casa señorial de obreiros unha media ducia de anos, e como a cantidade de minutos da hora non aumentou nese tempo, o emolumento por hora tampouco. Poñamos a 6 á hora, por se hai quen queira calcular a canto o minuto e teña a conta doada. Un día aciago, un esquerdoso podemita radical antisistema quentoulle a cabeza á pobre rapasa coa teima de que tempo ía sendo xa de pedir un aumento, e coa mesma, despois de pensalo un ano, foi e lle dixo á ama cal era a súa pretensión. Un euriño máis por hora, por caridade... A primeira resposta foi en plural maxestático, cun ímolo pensar, e de segundas cun tal que así: chica, ya te tenemos otra que nos lo hace por los 6. E xa tiñan. Non figuradamente. Literalmente.

Pausa. Contar ate des. Respirar fondo.

A min, para variar, enchéuseme o pensamento e o sentimento de ideas varias e pregunta sen fin, en canto mo contaron. Nada que ver coa listaxe de improperios relativos a condición e categoría das personaxes en cuestión e da súa orixe xenética, que a ela se lle brotaron do corpo pola boca. Coma se saíse a primeira papa, toda a podremia acumulada nos seis anos de recoller a merda de outros, foi trousada, de socato, na rúa. Logo chegou a reflexión silandeira.

O primeiro que eu sentín foi rabia. Esa que tes cando sabes de alguén en especial que non merece que lle suceda algo negativo, e vai e lle toca. E o primeiro que pensei, foi naquilo de que se pode coñecer máis dunha persoa esculcando no seu lixo que escoitando o que di. No lixo físico ou no que non o é. Imaxinade se pasas meses sabendo que vai no lixo de alguén. E que non vai. Hai unha serie americana, coido que Devious Maids, que algo disto recolle. Pero como ela non ten maldade, ningunha, non se lle veu ao pensamento tirar mal proveito de tal circunstancia. Logo, tiven un flasba. Da miña aboa materna contando como era o de ir servir de nena á casa grande de Fazouro, a principios do século pasado, por uns anacos de algo que levarse ao bandullo e sempre coas debidas reverencias de agradecemento servil. A continuación, o fío levoume a un clásico da literatura francesa. Os Miserables, de Vítor Hugo. Ten algunha que outra versión cinematográfica, mesmo unha das últimas en forma de musical (moi salientable a actuación dun tal Hugh).

Cal é o mundo (lembro, ∏r2) que nos estamos a dar? Un no que os comportamentos ruíns, xebres e suíños sexan o exemplo a seguir? Seica sempre houbo xente con ese xeito de actuar no mundo, non é cousa nova. Mesmo que todas fomos quen de chegar a ilo en ocasións. Pero eu non son dos que pensa que existe o mal per se. Máis ben penso que a todo se chega coa práctica seguindo unhas pautas analizables e medibles cuns obxectivos definidos nun modelo específico. Ocorréseme que a maioría de nós nin nos decatamos deste proceso nin estamos interesados en coñecelo. Porque se nos vai ben, vainos ben. E se nos vai mal, acabamos recorrendo as explicacións esotéricas: deus, o destino, o sistema,.. Non é tampouco parte da condición humana. Pero mesmo afirmándome nesta crenza segundo vou avanzando na vida, non deixo de asombrarme de novo pensando en como é que alguén que chega a ter algo non lle chega con gozar de tal estado, senón que precisa que os outros non teñan para poder sentirse satisfeito. Pero non caio na trampa. Non é nada máxico nin diabólico. E o resultado de fornecer por todos os medios reiteradamente premisas de dominación e poder, acompañada do rexeitamento da comunicación emocional e intelectiva de calidade entre persoas, que elimina a visualización da diferencia, mata o recoñecemento do dereito á igualdade de oportunidades e borra das mentes a necesidade da imprescindible socialización dos medios produtivos que constitúe a expresión da solidariedade entre clases. Pobres obreiros que xa non se recoñecen a si mesmos. E a abella obreira deste sucedido, seguro que seguirá traballando para outra raína. E as súas compañeiras abellas tamén. De a 6 a hora, de a 5, de a 4.... Que futuro tan distópico nos agarda.


E queda o documental sobre a vida salvaxe na selva mercado laboral para outra entrada que ten que ver con outro amigo. Será en aberto....

O Castro de Fazouro

sábado, 19 de marzo de 2016

A LADAÍÑA DO OSO*

Agora que a Primavera está asomando pola porta cun anticipo solleiro e auga a un tempo, activóuseme o reloxo biolóxico, e saín da hibernación osuna. Despreguizeime, estirando as patas darriba e as dabaixo. As unllas precisan tratamento urxente. A vestimenta peluda tampouco deixou de medrar no entanto do sono invernal. Antes de saír da cova terei que pasar o nanas e a podadora. E logo, un almorzo con categoría estacional cando menos. Mentres dareille un repaso ás redes, mirarei as noticias pasadas de data e comezarei a pórme ao día. Seguro que mentres eu pasaba a invernía, o Ososuna xa ten practicamente gañada a liga. E xa teremos novo goberno na fraga, as mandas de xovencas expulsadas polo lume do Xurés xa terán atopado onde pastar entre nós, o asunto da privatización encuberta das clínicas veterinarias xa estará arranxado, e o do recorte das prácticas de ruxido e caza selectiva....

Da gusto, e sobre de todo, moita confianza, ter posto ao mando da biocracia a animais tan ben sentidos cos intereses comúns. Preguiceiro, Camaleón, Hiena e Cobra son do mellor que temos en toda a contorna.

Que ben, xa arrincou o oSopad. Isto da rede dos 4Gatos, vai case tan rápido como a Raiz óptica. Imos ver. Mira, que mona a filla pequena de Tarzán! Non sabía que a meteran  na Gran Gaiola Vip. Pero,....... GRRRRUUUAAOOUUUFFF! Voulle comer o fígado a alguén! Sen sacarllo do corpo! Seguimos como estabamos! Un, dous, tres, catro,.... Veña, relaxémonos. Non pode ser tan malo, non si? Todo parece seguir funcionando. Mesmo vexo que xa empapelaron a algún que outro chupatintas corrupto e aproveitado. Deses que cobran os catrocentos e andan a facer chapuzas polas touzas. Segue habendo fútbol. Haber hai mel nos supers. (Hummmm, meeeel). Terei que profundar nas circunstancias para saber máis ben como é que foi a cousa. (Meeeeel). E que tal unha duchiña? E mentres canto un rato, poida que algo comece a entender.

Porque, en realidade, que é o que lle pedimos aos que nos representan. Quero dicir, cales son as características que debera ter un animal político no que delegamos a nosa soberanía para ser digno da nosa confianza? As mesmas que para outras actividades? Ou outras ben distintas, específicas, especiais? Descartando aos que cazan por pracer, aos que acumulan cousas desmedidamente, aos que non están dispostos a aprender aprendéndolles ás crías, aos que aceptan o dominio do ser humano sobre a natureza, quen nos queda? Ocórrenseme algunhas cousas, a bo seguro que haberá máis.

Non pode ser practicante da mentira. Ten que saber contarnos como é que son as cousas de verdade, sen medias tintas, sen versións. Non pode ser pusilánime, pero ten que ser capaz de percibir o que senten os demais, e dar respostas ás necesidades e intereses colectivos. Non pode ser fachendoso, nin orgullos de máis, como para non recoñecer que non existe unha única forma de facer as cousas, pero ten que ser forte dabondo para defender unha proposta fronte a quen queira opoñerse a ela, apoiándose na seguridade colectiva dunha decisión común. Non precisamos que sexa un gran orador, sobre todo se adoita non dicir nada con substancia, so palabras xuntadas harmoniosamente, pero ten que saber escoitar a todos, coas orellas de quedarse coa información e integrala no seu ser intrínseco. Non vale un que non poida aceptar o compromiso, coa súa responsabilidade, pero tampouco o que se poña as orelleiras no cerebro antes de ir a unha xuntanza cos que lle reclaman ou suxiren algo. Ten que ter claro para que o escollemos e para que non, e cando teña que dar resposta a algo do que non houberamos falado previamente, ten que preguntarnos como o vemos. Para min, debera ser un animal ao que lle preste ler, non so os documentos oficiais, tamén novelas, ensaios, poesía...  e as redaccións e os contos das súas fillas, netas, sobriñas ou das crías do barrio no que siga vivindo na fraga. E que saiba recoñecer o arte, e amalo. Ten que ser alguén a quen lle permitamos pararse a reflexionar, mesmo en voz alta, sobre as cuestións de fondo de todo o que ten que atender nas súas funcións.

E cada vez que me poño a pensar nisto, volvo pensar naquel oso exemplar, non é orgullo de especie, senón recoñecemento, que tiveron a sorte de gozar nas afastadas terras dos érbedos. Como é que se chamaba? Enrique coido. E un apelido que daban gañas de dar apertas. As apertas do oso.


Temos dabondo animais así como para encher tanto parlamento? Xa non digo para formar un goberno a xeito, porque entre eles deberían ben saber escoller. Se hai quen pensen que non, a solución de quitar parlamentos ou poñer menos asentos en cada un, ben sendo como o das avestruces. Que bichos! Sempre me pregunto, como é que poden ir con tanta rapidez dun centro comercial ao outro na procura da ganga innecesaria, e logo non son quen de facerlle fronte a un problema. Pois, se non temos dabondo entre os profesionais, haberá que mirar noutros niños. E comezar en serio a ir practicando dende abaixo. Apañármonos co que teñamos agora, e ir decidindo como é que queremos que sexan os futuros fragadans adestrados na biocracia aos que lles imos ceder temporalmente a nosa parte de soberanía. Ou volver ao sistema de Concello. Con isto das novas tecnoloxías, ben se podería facer de xeito virtual, vai ti saber.

*Inspirado someramente en La Letanía del Grillo