luns, 16 de novembro de 2015

LOITO


Nunca estiven en París, a capital da República Francesa. Mesmo teño algunha dificultade para situala xeograficamente con certa seguridade, aínda que si teño circulado polo territorio do que ostenta o título en varias ocasións. E por todas partes aparecía algunha indicación de por onde se podía chegar a ela. Non sei cal pode ser a categoría social dos parisienses, se é que existe tal falando en términos tópicos. En xeral, as persoas francesas que coñezo distínguese pola súa calidade humana. E en xeral, das persoas francesas coas que tiven relación cruzando o seu país dun lado a outro, podería aseverar que se distinguen pola súa amabilidade social. Desde pola maña cos croissants ate as noites de Bordeos. Pero isto non ven ao caso. Mesmo se non foran amables, mesmo se non tiveran calidade humana, mesmo se non foran franceses ou francesas, nunca pensaría en desexarlles ningún mal. Menos aínda en facerllo intencionadamente. Como a ningún outro habitante do planeta. Pensaría entón que ninguén pode ter unha razón, un argumento, unha causa coa que auto-xustificar quitarlle a vida a outro ser humano. E ás veces esquezo que marabilla somos como especie. Tanto como para ser quen de chegar a pensar e sentir que a vida ten menos valor que unha palabra, unha crenza, unha idea, mentres ao mesmo tempo sentimos e pensamos na necesidade de curala, conservala, reproducila, espallala.

E entón sucede algo, que me libra do esquecemento. En paralelo, mentres aperto os dentes con esa sensación de incredulidade mirando un rapaz arrastrando un amigo pola rúa mentres deixa un regueiro de sangue, e alguén o gravou para a posteridade, e o fútbol sigue, e hai xente afogando cruzando o mar que foi o centro da civilización, que mentira, e estouran as bombas en algún sitio, bombas que alguén fabricou, explosivos que alguén comprou, e a xente pecha a porta da casa, e un pais enteiro se pecha en si mesmo. E as nais, os pais, as irmáns, os amigos de algún dos miles de mortos no mundo hoxe, choran, porque non somos quen de sentirnos e pensarnos como as nais, os pais, as irmáns, os amigos dalgún dos que maña seguirán morrendo.

Un minuto de silencio é pouco, para as mortes do venres 13 na cidade da luz. Tres días de loito non son dabondo. Porque atacar París, dende unha orixe como a que parece ter a acción terrorista que caeu sobre os seus habitantes, ten moitas lecturas, máis das que nin nos imaxinamos seguramente, e terá moitas consecuencias, para as que non precisamos ter demasiada imaxinación. Unha delas xa vai ser inmediata: medo. Poida que non recoñecido, poida que non manifestado, pero coñecéndonos un pouquiño, levarémolo dentro como sociedade, cando menos no mundo occidental. Medo individual, que asiña se traduce nunha resposta emocional case instintiva, na que a empatía e a razón deixan de traballar xuntas para deixar paso á negación activa da diferencia, a rabia, o odio. Medo colectivo, traducido en “Arribas!”, himnos e desfiles, expedicións punitivas, máis bombas, máis mortos, posta de largo da seguridade e esquecemento das Liberdades. Tamén da Igualdade. Tamén da Fraternidade.


Se algo inspirou politicamente o mundo moderno non foi outra cousa que a Revolución Francesa. Logo viñeron outras. Pero semella que nin aquela nin as súas subsidiarias acabaron o traballo que pretendían como paradigmas da humanización mundial por enriba de calquera outra cuestión. E agora, volveremos á nosa vida cotián. Quen teña a sorte de seguir viva. Quen non teña que chorar a ninguén que lles mataran. Entre elas, seguro, hai persoas que son quen de chorar de dor e pena polos mortos descoñecidos e incluso quen chore de rabia e pena mesmo polos asasinos sen nome. As bagoas non son as mesmas, pero comparten unha idea: a violencia xera violencia. Defender esta premisa humanista, témome moito que seguira custando sangue, cada día, en moitos recunchos deste planeta que habitamos de prestado. De que xeito rachar esa dinámica, poida que sexa un dos retos a resolver para a Humanidade neste principio de século, se queremos chegar ao seguinte. E non vai ser doado. Por onde empezamos?
http://elpais.com/elpais/2015/11/13/vinetas/1447432768_224989.html