sábado, 14 de xaneiro de 2012

UN MAL DATO

Un mal dato. Dis que é un mal dato. Que haxa xa mais de cinco millóns de parados rexistrados é un mal dato. Isto incluirá á ex-presidenta da caixa do mediterráneo que aínda non hai moito tivo que recorrer a apuntarse nas listas do INEM. Supoño que non incluirán aos moitos outros ex-directivos cesados, dimitidos ou laminados de compañías e bancocaixas diversas, que levan para a casa nas Seicheles un lote de cartos de todos.

Pero quen pode dicir semellante parvada. Supoño que alguén que non ten máis preocupación que manter o seu status socio económico en base a unha posición de privilexio obtida pola súa pertencía a unha clase económica, social ou política determinada.

Porque unha de nos, que andamos mirando o último céntimo para cadrar as contas familiares, que non temos a posibilidade de emitir débeda pública para cubrir os nosos gastos, que se precisamos adiantar algunha inversión imos tela que pagar con sangue aos mesmos emisores que piden e reciben cartos públicos para sanear as súas contas, os mesmos que lles dan logo aos bos xestores que meteron ás entidades nos sarillos nos que andan, unha indemnización multicentimomillonaria, que para gozar de dereitos sociais historicamente pelexados e conseguidos, temos que saír a rúa ou endebedármonos máis aínda, que dependemos case que exclusivamente do noso capital forza de traballo, non creo que dixeramos tal parvada.

Diríamos, aparte de improperios irrepetibeis en zonas onde pode haber roupa tendida, que é unha vergoña. Que é unha vergoña a indecencia coa que nos queren vender a imposibilidade de crear postos de traballo (non de ofrecer curritos baixo man) por un defecto estrutural. Escoitaredes que se repite por aquí e por alá, que a economía ten que medrar por riba do 2,5 % para que na España se empece a crear traballo. Que significa isto exactamente?. Que mentres as poucas empresas que venden no exterior non consigan superar coas súas exportacións ese nivel de crecemento, non imos saír da movida.
Porque está claro que se cada vez hai menos xente con ingresos regulares, o consumo interior, as vendas das empresas dentro, non van subir, máis ben baixarán. Igual estaba ben darlle a volta á cousa. Ou mellor aínda, sumar unha con outra. Fomentar a exportación e o consumo interno. Porque falaban do medo á deflación, e non sei ti, pero eu non vexo que os prezos baixen. Polo menos no que todos necesitamos. Seica agora é un moi bo momento para mercar artigos de luxo. E parece ser que hai pingues beneficios nese nicho de mercado.

A cousa entón non consiste en baixar salarios, reducir servizos, promover o copago, subir impostos xeneralistas, eliminar prestacións, etc. Máis ben está en manter o funcionamento xeral dos servizos sociais públicos, evitar a fraude fiscal, denunciar á economía somerxida – que todos coñecemos e toleramos-, equiparar os salarios aos niveis de prezos (un euro non son 100 pesetas), ofrecer calidade en todo o que se faga, para dentro e para fora, revisar as políticas fiscais, as vinculadas á renda para que paguen realmente máis os que máis gañan, e as vinculadas ao patrimonio, para que as grandes empresas e fortunas, non os autónomos e as pequenas empresas, se poñan ao dia na devolución das plusvalías do traballo, en facer unha xestión doméstica do gasto público, en esixir comportamentos ético sociais a todos os empresarios, en loitar contra o absentismo laboral, especialmente no eido funcionarial, en suprimir duplicidades de administracións e burocracias, en poñer o capital xerado polos aforradores en mans públicas, e sobre todo en non quedarse mirando na barreira ata que todo acabe enGreciado.

Seguro que lembrades aquel dito de Martin Niemoeller:

Cando os nazis viñeron a buscar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista,
Cando encarceraron os socialdemócratas,
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata
Cando viñeron a buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista,
Cando viñeron a buscar os xudeus,
non protestei,
porque eu non era xudeu,
Cando finalmente viñeron a buscarme ao meu,
non había ninguén máis que puidese protestar.



Nós, a que c. agardamos? Cando acabemos co petiño, a quen lle imos pedir axuda. A quen lle imos esixir responsabilidades. Que é un mestre armeiro, por certo?.

Falando de mestres. A poesía e a educación teñen dous puntos coincidentes. A creación e a irreverencia. Sen elas son simples letras e bastas copias. Follas cheas de borróns e fábricas de recipientes baleiros. Quizais é que estamos mal educados, e non é un xogo de palabras....


(Publicado  orixinalmente o 14/01/12)